Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coa publicación da Guía dos elementos máis sobranceiros de Taboada, de Roi Rigueira

libro
Taboada
A Deputada Pilar García Porto convidou aos asistentes á presentación do libro celebrada hoxe na localidade a “percorrer Taboada desfrutando de todo o que a curiosidade do autor recolle nestas páxinas e documentan as máis de 130 fotos que acompañan o volume, feito dende a paixón e o amor pola terra, polas nosas raíces”

Asegurou que a institución provincial colabora coa obra porque “temos entre os nosos obxectivos a promoción do talento e da creatividade dos lucenses. Por iso imos mercar exemplares para engadilos aos libros que entregamos como agasallo a quen nos visita”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado en Taboada na presentación da Guía dos elementos máis sobranceiros de Taboada, de Roi Rigueira. Un acto que acolleu o salón de actos da antiga Casa Cuartel da localidade. 

García Porto explicou que a institución provincial colabora con esta publicación porque “temos entre os nosos obxectivos a promoción do talento e da creatividade dos lucenses. Por iso imos mercar exemplares para engadilos aos libros que entregamos como agasallo a quen nos visita”. 

A Deputada convidou ás persoas asistentes a percorrer Taboada a vista de bicicleta, “desfrutando de todo o que a curiosidade do autor recolle nestas páxinas e documentan as máis de 130 fotos que acompañan o volume, que está feito dende a paixón e o amor pola terra, polas nosas raíces”. 

Nas súas palabras puxo de manifestou que “é un privilexio descubrir ou redescubrir as terras de Taboada a través dos ollos, das preguntas e do interese de Roi”. Dixo que “os seus percorridos son unha invitación a que fagamos por nós mesmos as súas rutas, unha reivindicación do turismo lento, en contacto coa natureza, apreciando os valores do local”, subliñou.

Este libro xorde despois dunha serie de notas publicadas en Facebook, como resultado de rutas feitas en bicicleta por todos os recunchos e monumentos, con mochila e caderno. A respecto diso, a Deputada afirmou que Roi é “un home polifacético, de moitos talentos. É concelleiro e porteiro de fútbol, experto en seguros e ciclista, apicultor afeccionado, escritor e, como el presume sempre, pai”. Tamén loou a súa capacidade por conxugar a modernidade e a tradición. “O seu traballo é un exemplo para todos, de que a tradición e a modernidade non se exclúen, senón que van da man, que un pescuda e descubre unhas albarellas medio abandonadas e logo emprega as redes sociais para dalas a coñecer”, puxo de exemplo.