Deputación de Lugo

Guido Guía fará virais nas redes sociais as rutas turísticas da Deputación

Coñece a túa Provincia
A presidenta da institución e o experto en turismo presentaron este venres unha campaña audiovisual que achegará ao entorno dixital o programa Coñece a túa provincia, que inclúe 51 rutas turísticas polos 67 concellos

“Apoiándos en profesionais con influencia en redes sociais, que non so seguen a xente moza senón cada vez máis persoas maiores, cremos que esta campaña é unha boa maneira de dar a coñecer a nosa provincia e os nosos programas turísticos no entorno dixital” resaltou Carmela López

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o experto en turismo e creador de contido, Guido Álvarez Parga, Guido Guía, presentaron este venres na sala de xuntas do Pazo de San Marcos unha campaña audiovisual que achegará ás redes sociais o programa da institución provincial Coñece a túa provincia. Esta iniciativa, amosará, por unha banda, os principais atractivos turísticos dos 67 concellos, e por outra, dará a coñecer esta programación gratuíta da institución provincial que xa vai pola sexta edición. 

A campaña inclúe unha serie de vídeos nos que o espectador poderá coñecer os recursos paisaxísticos, patrimoniais, culturais e gastronómicos da provincia, ademais de achegar curiosidades e aspectos menos coñecidos do territorio. Desde a Mariña ata a Montaña, desde a Ribeira Sacra ata a Terra Cha, serán protagonistas dos audiovisuais mosteiros, castelos, castros, museos, adegas ou percorridos por praias, canóns e bosques; e tamén experiencias como rutas en catamarán polo Sil e o Miño, visitas a obradoiros artesáns ou demostracións de oficios tradicionais. 

Os contidos poderán verse tanto nas redes sociais da Deputación como nos perfís de Guido Guía e permitirán desfrutar da experiencia como fan as persoas usuarias de este programa de viaxes.  

A presidenta agradeceu  a colaboración do servizo de Turismo da Deputación de Lugo na posta en marcha desta campaña de difusión do Coñece a túa provincia en redes sociais a través do traballo de Guido Guía.

Entrevistas con veciños e veciñas para facer provincia

O traballo que desenvolve Guido Guía tamén inclúe entrevistas en formato curto a persoas moi relacionadas con estas rutas, como Boris Vilar, guía en Viveiro, e un dos que máis rutas realizou deste programa; Anxo Moure, gran coñecedor da Ribeira Sacra; ou a bibliotecaria de Antas de Ulla, Teresa Batán. Guido salientou “a primeira das entrevistas que realizamos, que foi ao meu profesor de matemáticas da ESO, e xa xubilado é un gran coñecedor da zona do Vicedo na que é asiduo todos os veráns”. 

O tirón de Guido Guía: máis de 69.000 seguidores

Guía oficial de Turismo de Galicia, Guido Álvarez Parga defínese como turismólogo e divulgador. O seu proxecto conta cunha comunidade de máis de 50.000 usuarios en Facebook e 19.000 en Instagram, ademais da súa presenza noutras plataformas dixitais. Unhas cifras que o converten nunha canle con capacidade para dar visibilidade ao patrimonio, á paisaxe e aos recursos turísticos da provincia, chegando a novos públicos. 

Nese sentido, Carmela López sinalou que “precisamente para dar a coñecer ese traballo quixemos contar con Guido Guía, que ademais, xa tivo a oportunidade de acompañar a algún dos grupos como guía oficial e agora ten a oportunidade de trasladalo a través das redes sociais. Cremos  que esta campaña é unha boa maneira de levar toda a nosa provincia e ofrecer esa toda esa variedade no entorno dixital”. 

Pola súa banda, Guido Guía valorou a importancia desta campaña “porque vai ser unha maneira de viaxar a través das redes por todo o territorio de Lugo, e espero que as asociacións e os veciños da provincia, así como doutros lugares, se animen a facer estas rutas. Creo que vai ser algo moi viral, que se vai espallar non só pola provincia senón fóra das nosas fronteiras".

51 itinerarios que percorreron máis de 20.000 persoas

A Deputación de Lugo puxo en marcha esta iniciativa de turismo de proximidade no ano 2021 e nela se inclúen un total de 44 itinerarios que percorren os 67 concellos da provincia; aos que ademais tamén se suman outras 7 rutas accesibles para facilitar a participación das persoas con mobilidade reducida. 

Desde a súa posta en marcha participaron máis de 20.000 veciños e veciñas e, actualmente, estase a desenvolver a segunda quenda da sexta tempada, na que durante os meses de setembro e outubro hai previstas 54 viaxes, nas que participarán máis de 1.200 persoas de 32 concellos da provincia. 

Os participantes deixaron máis dun millón de euros no territorio

A mandataria provincial sinalou tamén que “esta iniciativa é unha maneira de fomentar o turismo de proximidade, pero tamén reforza o orgullo de pertencer a esta provincia e, sen dúbida, orixina un impacto económico moi importante”. Nese sentido, estímase que cada participante xera un retorno económico de 67 euros no sector turístico, o que supón máis dun millón de euros desde que arrancou.