A Deputación apoia os produtores da Faba de Lourenzá na súa festa anual
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asistiu este sábado xunto a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e tamén alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, ao pregón da XXXIV Festa da Faba, unha das celebracións gastronómicas máis representativas da provincia e que cada ano reúne á veciñanza e visitantes en torno a un produto estreitamente ligado á identidade da localidade e de toda A Mariña.
O pregón desta edición correu a cargo do presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, José Cuadrado, nunha xornada na que a localidade encheuse de actividade e na que numerosas persoas se achegaron para degustar esta afamada leguminosa.
A celebración conta con propostas para todos os públicos, entre as que se inclúen catas de viño, showcookings e un tren turístico que permite percorrer a Ruta das Fabas, ademais das actividades e postos instalados na Praza do Conde Santo.
Durante a súa visita, Carmela López percorreu as casetas das fabeiras e aos fabeiros que participan nesta cita, coñecendo de primeira man o traballo que hai detrás dun produto que conta con Indicación Xeográfica Protexida e que representa un dos referentes da gastronomía da provincia de Lugo.
A mandataria provincial puxo en valor o papel da Festa da Faba como escaparate para dar a coñecer a riqueza agroalimentaria da provincia e como punto de encontro entre produtores, veciñanza e visitantes. “Desde a Deputación queremos estar ao lado dos produtores e dos concellos, apoiando celebracións como esta que poñen no mapa os nosos produtos, xeran actividade e axudan a dinamizar o territorio”, salientou.
A Deputación achega 14.000 euros a través do Plan Deputación para colaborar coa celebración, reforzando así o seu apoio a unha festa que combina promoción gastronómica, tradición, cultura e dinamización turística.