Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación acolle as XXXVI Xornadas Penitenciarias Lucenses, centradas na trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual e na prostitución

Asociación Concepción Arenal
xornadas penitenciarias concepcion arenal
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deulle a benvida aos asistentes e participou na entrega de medallas coas que cada ano o colectivo Concepción Arenal distingue a persoas ou entidades que traballan a favor da reinserción de persoas en risco de exclusión social ou privadas de liberdade

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns á tardiña no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na inauguración das XXXVI Xornadas Penitenciarias Lucenses, organizadas pola asociación penitenciaria Concepción Arenal, e que nesta edición, baixo o título Abolición da Escravitude do século XXI, céntranse na trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual e na prostitución.

García Porto participou na apertura das xornadas xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o Delegado Territorial da Xunta, Javier Arias, entre outras autoridades. A Deputada deulle a benvida á sede da Deputación ás persoas participantes e manifestou o orgullo que supón para a institución provincial acoller estas xornadas de referencia e de tanto calado social.

A Deputada foi unha das persoas encargadas de entregar as medallas Concepción Arenal, coas que todos os anos o colectivo distingue a institucións, ONGs, voluntarios ou persoas profesionais que fixeron importantes accións a favor da reinserción de persoas en risco de exclusión social ou privadas de liberdade. 

As distincións foron para Félix Rodríguez Fernández, director do Centro Penitenciario de Monterroso; José Manuel Sánchez Murias, tenente da Garda Civil; Miguel González, Xeneral de Brigada da Garda Civil; Sonia Aparicio, da unidade de estranxeiría da Policía Nacional de Lugo; Ana Barba, directora do programa Aliadas da ONG Aliad; Mónica Yáñez, secretaria xeral de Cáritas Lugo; Elena López, coordinadora do programa de mulleres en dificultade social da Cruz Vermella de Lugo; Amelia Tiganus, poñente nas xornadas; e Paula Fraga, poñente nas xornadas. 

Programa
As xornadas desenvólvense nas tardes deste luns e martes, 26 e 27 de setembro. Nesta edición teñen como obxectivo afondar na análise da trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual, nas medidas de protección das vítimas, e no debate sobre a lei para abolir a prostitución.

Para iso contaron este luns coa presenza de Amelia Tiganus, testemuña directa de redes e estruturas do sistema prostitucional. É escritora, oradora, formadora e conferenciante. Mañá, martes, intervirá Paula Fraga, quen é xurista, activista e escritora, e quen forma parte da alianza Contra el Borrado de las Mujeres.