Deputación de Lugo

O Presidente destaca que a “gran resposta” ao proxecto Minerais contra o Cancro revela que a cidadanía e os concellos da provincia “senten a Universidade pública como súa”

USC
Este estudo, ao que se sumaron 65 concellos lucenses, está impulsado por un equipo integrado por persoal investigador das Facultades de Veterinaria e Ciencias da USC e o Hospital Universitario Lucus Augusti

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na presentación do proxecto Minerais contra o Cancro, impulsado por un equipo multidisciplinar integrado por persoal investigador das Facultades de Veterinaria e Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). O reitor da USC, Antonio López, e a coordinadora do proxecto, Marta López Alonso, tamén participaron no acto que tivo lugar na Casa do Saber.

José Tomé trasladou unha mensaxe de “agradecemento e orgullo” polo “labor da profesora Marta López Alonso e do seu equipo da Universidade e do HULA por impulsar este ambicioso proxecto, que será un avance moi importante na loita contra o cancro” e pola “gran resposta de apoio e colaboración que deron a sociedade lucense e as institucións no seu conxunto a este proxecto”.

O Presidente destacou que este traballo “demostra que a cidadanía e os concellos da nosa provincia senten a Universidade pública como súa, que son sensibles e que recoñecen o seu papel e a utilidade do seu traballo, e que están dispostos a colaborar na medida das súas posibilidades para impulsalo”.

“Na Deputación de Lugo seguiremos apoiando ó noso Campus de Lugo, á Universidade de Santiago, aos investigadores e investigadoras, e á comunidade universitaria en xeral”, asegurou. “A día de hoxe, somos a institución provincial de España que fai unha maior achega económica á Universidade pública porque estamos convencidos de que a educación pública, universal e de calidade, é unha ferramenta imprescindible para a igualdade de oportunidades e para un desenvolvemento sostible e equilibrado da nosa provincia”, sinalou o mandatario provincial.

65 concellos da provincia apoian a iniciativa Minerais contra o cancro, que busca coñecer o papel dos minerais en determinados tumores e valorar o seu uso como complemento nos tratamentos de quimioterapia e radioterapia, para a mellora da calidade de vida dos doentes. O convenio permitirá a recollida de mostras de sangue e posterior análise para a detección dos niveis de minerais. López Alonso coordina un equipo formado polos tamén profesores Marta Miranda Castañón e Víctor Pereira Lestayo.