Deputación de Lugo
Emprego

Feminino rural. Evolución, impulsado pola Deputación, pecha en Antas de Ulla a primeira toma de contacto con empresarias e emprendedoras

Antas de Ulla
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo despediu a primeira fase deste proxecto, financiado integramente pola institución cunha achega de 40.000€ e ofrecido a través da Asociación de Empresarias de Lugo (AELU)

A institución percorreu no mes de xullo as diferentes comarcas para dar a coñecer ás lucenses que xa teñan unha empresa ou conten cunha idea o programa de formación, acompañamento e asesoramento gratuítos

A  Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou no Pazo de Vilane, no concello de Antas de Ulla, o programa Feminino rural. Evolución, financiado integramente pola Deputación de Lugo cunha achega de 40.000€ e ofrecido pola Asociación de Empresarias de Lugo (AELU). García Porto pechou así a primeira fase deste programa na que se presentou a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia esta iniciativa que ofrece de balde formación, acompañamento e asesoramento personalizado para mellorar ou lanzar os seus negocios. 

“Xa visitamos a Mariña, a Terra Chá, a Montaña, a Ribeira Sacra e as comarcas de Lugo e Sarria, e hoxe pechamos esta primeira toma de contacto na Ulloa, nun lugar que é todo un exemplo para as empresarias e emprendedoras da provincia. O Pazo de Vilane recuperouse cando as mulleres da familia quixeron volver ao rural e agora os seus produtos son sinónimo de calidade”, sinalou a Deputada, que estivo acompañada pola  xerente do Pazo, Nuria Varela-Portas, e a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira.

A institución provincial aposta pola creación de emprego, “especialmente aquel que afecta aos mozos e mozas da provincia e ás mulleres, como un factor imprescindible para dinamizar a actividade económica e contribuir a fixar poboación no territorio”, explicou.

García Porto desexou que as mulleres que participen “poidan sacarlle o máximo partido a esta iniciativa. Dende logo, ese é o obxectivo co que a impulsamos dende a Deputación de Lugo, porque iso beneficiará ás propias emprendedoras, os seus negocios e proxectos, e, ó mesmo, tempo, será positivo para o emprego e para a economía da nosa provincia”.

Xa rematada esta primeira toma de contacto entre ambas partes, cada comarca contará con 25 prazas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de cinco empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. 35 persoas recibirán, en total unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.