O Presidente destaca en Bos Aires o papel do Instituto Santiago Apóstol como símbolo da Galicia exterior e referente educativo internacional
O centro, dependente do Centro Galicia, é o primeiro da colectividade galega no exterior autorizado polo Goberno de España para emitir titulacións oficiais españolas, un fito histórico que reforza o seu prestixio educativo internacional
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, iniciou a súa axenda institucional na Arxentina cunha visita ao Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, onde compartiu unha xornada chea de emoción, orgullo e diálogo coa comunidade educativa deste centro emblemático da colectividade galega no exterior.
Durante a visita, Tomé Roca -quen estivo acompañado polo Senador lucense César Mogo- interesouse polo proxecto pedagóxico do instituto, que combina metodoloxías innovadoras —como a aula invertida e o ensino competencial— cunha forte presenza da lingua, cultura e tradicións galegas. O alumnado fala galego, estuda gaita e baile tradicional, e celebra festas como o Magosto e o Samaín, integrando así a cultura de Galicia na súa vida escolar. O mandatario provincial mantivo toda a conversa cos rapaces e rapazas en lingua galega, un xesto que emocionou ao alumnado e tamén ao propio Presidente, quen destacou “a fermosura de escoitar falar galego a nenos e nenas nados a máis de dez mil quilómetros da nosa terra”.
“O que representa este centro vai máis alá da educación: aquí respírase Galicia, aquí medra o futuro dunha cultura que non entende de distancias”, sinalou Tomé Roca. Engadiu que “o recoñecemento oficial das titulacións do Instituto Santiago Apóstol polo Goberno de España é un fito histórico e un orgullo para todos nós, porque garante que o esforzo destas familias e docentes teña validez académica plena tamén no noso país”.
O presidente escoitou con atención as preguntas e inquedanzas dos estudantes, moitos dos cales viaxan cada setembro a Galicia nun programa de intercambio escolar. Invitounos persoalmente a visitar a provincia de Lugo e a coñecer o Pazo de San Marcos, sede da Deputación, “para que vexades de preto as vosas raíces e sintades que Galicia tamén vos pertence”, afirmou.
No marco da visita institucional, José Tomé Roca asinou no Libro de Honra do Instituto Santiago Apóstol, deixando constancia do seu recoñecemento á traxectoria do centro e comprometéndose a estudar novas vías de colaboración que permitan apoiar e reforzar a súa labor formativa. “A Deputación de Lugo quere contribuír a que este proxecto educativo siga medrando, porque é un exemplo de excelencia e de galeguidade universal”, subliñou.
Posteriormente, o mandatario provincial reuniuse coa Xunta Directiva do Instituto, encabezada pola dirección do centro, coa que abordou novas fórmulas de cooperación institucional e cultural, co obxectivo de promover intercambios educativos e accións de divulgación entre Lugo e a comunidade galega da Arxentina.
O Instituto Santiago Apóstol, dependente do Centro Galicia de Bos Aires, conta con máis de 500 alumnos e alumnas, dos cales arredor do 70% proceden de familias españolas e a inmensa maioría son de orixe galega. O centro é un referente en innovación educativa e na conservación da identidade galega, e recentemente converteuse no primeiro centro galego no exterior autorizado para emitir títulos oficiais españois, un avance histórico grazas ao respaldo do Goberno de España, que reforza o seu prestixio internacional e consolida unha ponte educativa directa entre Galicia e a súa diáspora.
“Faro da identidade galega”
Tomé Roca destacou o papel do Santiago Apóstol como “faro de identidade galega en América e modelo educativo que une calidade, compromiso e sentimento”, e agradeceu o traballo de todo o profesorado e das familias: “A educación é o mellor instrumento para conservar a nosa memoria e abrir Galicia ao mundo”.
A visita marcou o inicio da axenda institucional da Deputación de Lugo en Arxentina, no marco da misión empresarial e institucional que o presidente realiza xunto á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), e que incluirá encontros coa Embaixada de España, o Centro Galicia e diversas entidades da colectividade galega e do tecido económico arxentino.