Deputación de Lugo

O Presidente participa na V Conferencia de Presidencias de Deputacións, que centra o foco no reto demográfico e a xestión dos fondos europeos para a recuperación

FEMP
José Tomé Roca intervirá como poñente na mesa sobre despoboamento prevista para mañá no marco deste encontro de traballo dos máximos responsables das institucións provinciais, cabidos e consellos insulares de toda España que se celebra en Valencia baixo a organización da FEMP e a Fundación Democracia e Goberno Local

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participa na V Conferencia de Presidencias de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares de toda España que se celebra entre hoxe e mañá na cidade de Valencia baixo a organización da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Fundación Democracia e Goberno Local, co reto demográfico e a xestión dos fondos europeos para a recuperación como eixos centrais de debate.

José Tomé intervirá mañá como poñente nunha das mesas de traballo principais deste encontro, dedicada ao reto demográfico, durante a que expoñerá as políticas públicas que desenvolve a institución provincial lucense en cooperación cos concellos para contribuír a fixar poboación. Unhas accións dirixidas fundamentalmente a dotar de máis e mellores servizos públicos ao rural e a favorecer o emprego e a actividade económica aproveitando os recursos da provincia.

Xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, na mesa sobre o reto demográfico, participarán os mandatarios provinciais de Huesca, Miguel Gracia Ferrer; Ávila, Carlos García González; Castellón, José Pascual Martí García; Barcelona, Nuria Marín Martínez; Soria, Benito Serrano Mata; e Alicante, Carlos Mazón Guixot, que exporán experiencias e reflexións sobre unha realidade que engloba desafíos moi diversos, desde o despoboamento e o envellecemento ata as migracións, a baixa natalidade ou a sobrepoboación estacional, entre outros.

A V Conferencia de Presidencias de Deputación, Cabidos e Consellos Insulares, que volve a celebrarse tras dous anos de pandemia, arrancou este xoves no Centre Cultural La Beneficéncia da Deputación de Valencia cun acto inaugural que contou coa presenza do Presidente da Generalitat Valenciana, Ximo Puig; o Presidente da institución provincial de Valencia, Toni Gaspar Ramos; a presidenta da Fundación Democracia e Goberno Local e da Deputación de Barcelona, Nuria Marín; o secretario xeral da Federación de Municipios e Provincias (FEMP), Carlos Daniel Casares; e a Secretaria Xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Política Territorial, Miryan Álvarez Pérez.

Seguidamente, tivo lugar unha conferencia inaugural a cargo de Alfredo Galán Galán, director da Fundación Democracia e Goberno Local, e Joaquín Tornos Mas, catedrático de Dereito Administrativo.

O Presidente da Deputación de Lugo subliñou que este encontro de debate e traballo entre os máximos responsables das entidades provinciais de toda España servirá para seguir deseñando políticas e actuacións que favorezan o desenvolvemento sostible e equilibrado do territorio e a mellora dos servizos á cidadanía, tendo en conta o papel determinante das administracións locais intermedias neste eido.