Deputación de Lugo

A Deputación e a Sociedade Micolóxica Lucus amosan no Pazo de San Marcos arredor de 250 especies de cogomelos

sociedade micolóxica

A exposición reúne exemplares representativas da provincia e poderá visitarse durante toda a xornada deste domingo. Ademais, membros da entidade ofrecen información e asesoramento ao público

O deputado de Medio Ambiente avanzou na inauguración desta mostra que “a micoloxía permítenos descubrir unha parte esencial da biodiversidade do noso territorio”

A Deputación de Lugo acolle este domingo nos corredores do Pazo de San Marcos a XXIV Exposición de Cogomelos da Sociedade Micolóxica Lucus, unha cita xa clásica do outono lucense que permite achegar á cidadanía a diversidade e a riqueza micolóxica da provincia.  A mostra está a espertar un grande interese atraendo a numerosas familias e persoas afeccionadas á micoloxía. Os visitantes poden descubrir máis de 250 especies de cogomelos, representativas dos diferentes hábitats do territorio, debidamente identificadas e acompañadas de información divulgativa. 

A exposición, de entrada libre e gratuíta e con horario de mañá e tarde, espera recibir varios centos de persoas ao longo da xornada, a pesar de que a seca condicionou este ano o número e a variedade de exemplares.

“A micoloxía permítenos descubrir unha parte esencial da biodiversidade no noso territorio”, reflexionou o deputado de Medio Ambiente, Carlos López. Acompañado polo responsable de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, na apertura da cita, López destacou que este tipo de iniciativas son fundamentais para coñecer mellor o patrimonio natural e comprender o papel que desenvolven os fungos nos ecosistemas.

Fernández destacou a traxectoria da Sociedade Micolóxica Lucus e o labor que desenvolve desde hai 25 anos para estudar, divulgar e dar a coñecer a riqueza micolóxica lucense. O deputado de Formación puxo en valor o traballo das persoas que integran a entidade e a súa contribución para achegar este coñecemento á sociedade, así como a colaboración que mantén coa Deputación de Lugo.

A mostra está aberta esta mañá en horario de 11:00 horas a 14:00 horas e pola tarde, desde as 16:00 horas ata as 20:30 horas e permite observar diferentes especies de cogomelos representativos dos diferentes hábitats da provincia, debidamente identificadas e acompañadas de información divulgativa. A exposición complétase cunha exposición fotográfica sobre cogomelos e hábitats micolóxicos, unha peza audiovisual e a posibilidade de observar a través dunha lupa binocular diferentes especies e as súas estruturas.

Membros da Sociedade Micolóxica Lucus atenden tamén as consultas das persoas visitantes e ofrecen explicación sobre as características e identificación das especies.

Unha mostra para descubrir a biodiversidade de Terras do Miño

A actividade contribúe tamén a dar a coñecer a biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola Deputación. A Sociedade Micolóxica Lucus forma parte do seu Órgano de Participación desde hai 13 anos. 

A Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO en novembro de 2002, é a máis extensa de Galicia, cunha superficie de 363.668,9 hectáreas que abrangue 26 concellos da provincia de Lugo. Este espazo natural, que ocupa arredor do 39% do territorio provincial, destaca pola riqueza dos seus ecosistemas, especialmente os vinculados á auga, aos bosques autóctonos e ás zonas húmidas. A Deputación de Lugo é a entidade encargada da súa xestión.