Sete especialistas analizarán as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais nas XXXVII Xornadas Luis Asorey
O ciclo, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación, celebrarase no salón de actos do Pazo de San Marcos entre o 9 e o 19 de novembro
A participación nas xornadas é gratuíta e poderá realizarse tanto de xeito presencial como en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais
O salón de actos do Pazo de San Marcos acollerá do 9 ao 19 de novembro a XXXVII edición das Xornadas Luis Asorey, que nesta ocasión se desenvolverán baixo o título A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas. O encontro reunirá a sete especialistas de diferentes ámbitos para analizar as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais, así como o fundamento científico das súas aplicacións no ámbito da saúde.
O programa, patrocinado pola Deputación de Lugo, está organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración co Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, e propón un percorrido por diferentes disciplinas e prácticas relacionadas coa medicina natural. A fitoterapia, a cura balnearia, a micoterapia, os compostos medicinais das microalgas, a saúde ambiental, os baños de bosque e o cultivo de plantas medicinais serán algúns dos asuntos centrais desta edición.
As conferencias celebraranse en horario de 19:00 a 21:00 horas e as persoas interesadas poderán asistir presencialmente ou seguir as sesións en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial: https://www.youtube.com/@FUNDACIONTIC. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/WGqsBKouo8nN8mHa6.
Programa
9 de novembro: Fitoterapia: da tradición á evidencia científica. Plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento, a cargo de Antonio Rigueiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría de Montes, profesor emérito da USC e presidente da Asociación Forestal de Galicia.
10 de novembro: A cura balnearia: indicacións actuais e fundamento científico, impartida por Juan Jesús Gestal Otero, doutor en Medicina e Cirurxía, profesor emérito da USC e director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.
11 de novembro: O potencial medicinal dos compostos mariños das microalgas visto desde a Universidade, a cargo de Luis Miguel Botana López, doutor en Farmacia e catedrático de Farmacoloxía da USC.
16 de novembro: Micoterapia: da tradición á evidencia científica, impartida por Julián Alonso Díaz, doutor en Veterinaria e presidente da Sociedade Micolóxica LUCUS.
17 de novembro: Cultivo e comercialización de plantas medicinais. Presentacións e preparados, a cargo de Rosa Romero Franco, doutora en Bioloxía, profesora titular da USC e exdirectora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
18 de novembro: Saúde ambiental: a exposición ao gas radón e os seus efectos sobre a saúde, impartida por Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública e profesora da USC.
19 de novembro: Onde o bosque e a saúde se encontran: os baños de bosque, a cargo de Mercedes Rois Díaz, doutora en Enxeñaría de Montes e fundadora e CEO de Raíces-Reconecta contigo.