Deputación de Lugo

A Deputación adxudica en 160.000€ o subministro de 1.600 toneladas de sal para a rede de estradas

estradas
Rede provincial de estradas
O material fundente é para os doce silos que a institución ten na provincia co fin de afrontar as inclemencias meteorolóxicas propias do inverno, garantindo a circulación e a seguridade nas vías durante as tempadas deste 2022 ao 2024

A Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación por 69.000€ dos dous últimos lotes que quedan por adxudicar do contrato para o equipamento do Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna

A Deputación de Lugo aprobou na Xunta de Goberno deste venres a adxudicación do contrato para o subministro de 1.600 toneladas de sal para a rede provincial de estradas por un importe próximo aos 160.000€ á empresa Ibérica de Sales S.A. O material fundente é para os 12 silos que a institución ten por toda a provincia co fin de afrontar as inclemencias meteorolóxicas propias do inverno, garantindo a circulación e a seguridade nas vías durante as tempadas deste 2022 ao 2024.

Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen lembrou que, ademais de atender as estradas provinciais, a Deputación tamén facilita sal no inverno aos concellos que así o solicitan cando lles resulta necesario.

A Xunta de Goberno tamén sacou adiante hoxe a licitación dos dous últimos lotes do contrato de subministro de equipamento para o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, correspondentes aos artigos médicos e cortinaxe, por un importe de 69.000€.

García Porto destacou que este é “un paso máis de cara a cumprir coa previsión que manexamos de abrir o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna este ano” e lembrou que a día de hoxe a institución provincial ten en funcionamento 7 residencias públicas para maiores en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira. A previsión da Deputación é abrir neste ano 2022 os centros de Navia e de Ribas de Sil.

Rutas fluviais

A Xunta de Goberno aprobou este venres a prórroga do encargo á empresa pública Tragsa para a prestación do servizo de rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo, por importe de 685.894€ e por esta tempada 2022, coa opción de volver a prorrogarse na tempada 2023.

A voceira socialista avanzou que a previsión é que esta tempada 2022 comece no mes de marzo e remate a finais de ano, subliñando que “as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra son unha oferta turística que está funcionando moi ben”. Destacou que “o ano pasado foron máis de 40.000 viaxeiros os que percorreron algunha das rutas polos ríos Miño e Sil desde os embarcadoiros de Belesar e Ponte do Sil, e no 2020, no peor momento da pandemia, as embarcacións provinciais superaron os 21.000 pasaxeiros”.

Hortos urbanos no parque do Rato

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar 34 novos hortos urbanos da Deputación no parque do Rato a outros tantos usuarios e usuarias. García Porto explicou que con esta nova remesa, quedan adxudicados un total de 143 hortos, quedando dispoñibles 7 parcelas, que se irán asignando segundo a orde de solicitude ata que se esgoten.

Ensilado para a Granxa Gayoso

Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno tamén aprobou a licitación dun contrato de servizos para a Granxa Gayoso Castro, neste caso, para a prestación do servizo de ensilado de herba nun total de 95 hectáreas de terreo por importe de 30.300€.