Deputación de Lugo

O Presidente, distinguido co premio Crer no Movemento Veciñal que entrega COGAVE

Deputación de Lugo
COGAVE
José Tomé Roca recibiu este domingo no Círculo das Artes de Lugo este recoñecemento que valora o seu compromiso co movemento veciñal, onde expresou que lle servirá como aliciente para seguir traballando no futuro da man dos veciños e veciñas

Recoñeceu o papel das reivindicacións veciñais para avanzar en materias tan importantes como a sanidade, os transportes ou o recoñecemento do patrimonio medioambiental e cultural

Das 500 asociacións rexistradas en Galicia, 300 pertencen á provincia de Lugo, o que “é un exemplo de calidade democrática, porque a vitalidade dunha democracia mídese, tamén, polo dinamismo do movemento veciñal”, asegurou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, foi distinguido este domingo co premio Crer no Movemento Veciñal que lle entregou a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE). Un acto que acolleu o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo ao que asistiron autoridades e representantes do tecido asociativo, empresarial e social da provincia. 

“É un gran orgullo para min recibir este premio que concede COGAVE, e facelo nesta sede do Círculo das Artes, que é un bo exemplo dos logros que conseguen os veciños e veciñas de Lugo cando traballan por un obxectivo común”, expresou Tomé Roca cando recibiu o premio. “Hai 166 anos, en 1855, medio centenar de lucenses xuntaron esforzos para crear este espazo de encontro, diálogo, fomento da cultura e debate arredor dos temas relevantes para a cidade e para a provincia. Estes ideais son os que guían tamén ao movemento veciñal en Lugo e en Galicia”.  

O Presidente asegurou que este premio “non pode quedar só no recoñecemento do traballo feito. Poden estar seguros de que, para min, será un aliciente para seguir traballando no futuro, sempre cunha actitude de diálogo e de atención á sensibilidade e á opinión da xente”. 

Un rico movemento veciñal na provincia
Como representante institucional da provincia manifestou sentir orgullo porque a provincia de Lugo reúne a máis da metade das asociacións de veciños coas que conta toda a comunidade autónoma, xa que, “das 500 asociacións rexistradas en Galicia, 300 pertencen á provincia de Lugo, o que é ademais un sinal de identidade da nosa terra”.

Isto, asegurou o Presidente, “é un exemplo de calidade democrática porque a vitalidade dunha democracia mídese, tamén, polo dinamismo do movemento veciñal”. 

José Tomé puxo en valor que ao longo do tempo os veciños e veciñas fixeron reivindicacións moi importantes en materia sanitaria, transporte por estrada e ferrocarril, ou para o recoñecemento do patrimonio medioambiental e cultural, e, neste sentido, subliñou que o movemento veciñal “é unha das canles imprescindibles que une a accións política coa rúa. Por iso, non podemos perder nunca o contacto coa rúa, cos veciños e coas veciñas, cos barrios, coa realidade do día a día, cos pequenos e cos grandes problemas da xente”.

“Eu penso que a boa política só ten un segredo: o diálogo”, asegurou o Presidente, “pensábao na miña etapa como sindicalista, na que o diálogo entre traballadores, empresarios e administración me pareceu sempre a mellor ferramenta para conquistar avances sociais. Agora, como Alcalde de Monforte e como Presidente da Deputación de Lugo, sigo mantendo esta opinión e esta práctica de dialogar”.

Deste xeito, lembrou que mantén “unha liña de diálogo e de colaboración constante cos veciños e coas asociacións veciñais, unhas asociacións que demostraron, unha vez máis, a súa capacidade e relevancia nos momentos máis duros da pandemia, e así continuaremos de aquí en diante”. 

Os premiados
O obxectivo de COGAVE con estes galardóns é recoñecer o labor de persoas e entidades que promoven os valores do movemento veciñal. Ademais de premiar ao Presidente da Deputación de Lugo, tamén recibiron galardón Alicia Tojeiro, José Antonio Méndez García, Jesús Basterrechea, José Manuel Carballo Vázquez, o colexio de enfermaría de Ourense, o servizo de voluntariado de Protección Civil de Ourense, a asociación española contra o cancro de Pontevedra, José Solla González, Diana Piñeiro Comesaña, Os Ninguéns, José Antonio Paredes Nores e Héctor Castiñeira López.