Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Miguel Induráin e Carlos Sastre abrirán a Ancares Cycling Marathon que se celebrará o 8 de agosto, co apoio da Vicepresidencia

ANCARES CYCLING MARATHON
EFRÉN CASTRO
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
MIGUEL INDURÁIN
Ciclismo
O trazado, de 126 quilómetros, pasará polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna

Efrén Castro sinalou que “se trata dunha iniciativa que impulsa os Ancares desde o putnos de vista deportivo, social e económico”

O vindeiro 8 de agosto celebrarase o gran fondo Ancares Cycling Marathon, chamado a converterse nunha referencia do ciclismo de alta montaña en Galiza.

Miguel Induráin e Carlos Sastre arrouparán a estrea desta proba, promovida pola área de Deportes coa colaboración do Club Ciclista Cidade de Lugo e que sae adiante tras a suspensión obrigada pola pandemia no 2020. A participación dous campións do Tour de Francia dará lustre a un evento que impulsará os Ancares como destino de referencia para afeccionados e afeccionadas ao ciclismo durante todo o ano.

Así o sinalou o deputado Efrén Castro, que se referiu ao evento como “unha aposta forte da área de Deportes por consolidar nos Ancares unha proba  que aproveite as grandes posibilidades que ofrece a comarca para o ciclismo, un deporte que cada vez practican máis persoas a nivel afeccionado. Unha primeira edición encabezada por unha lenda do ciclismo mundial coma Miguel Induráin é o mellor escaparate posible para este entorno natural”, comentou na presentación da proba.

O deputado nacionalista engadiu que “se trata dunha iniciativa que impulsa a zona desde o punto de vista deportivo, social e económico desde unha perspectiva sostíbel e respetuosa coas súas condicións naturais”

Unha “etapa raíña” nos Ancares: 126 quilómetros e 3.500 metros de desnivel acumulado

A proba, con saída en Pedrafita e chegada no Cebreiro, pasará tamén polos concellos de As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia e Suarna. Os participantes completarán un total  de 126 quilómetros cun desnivel acumulado de 3.500 metros. A maior dureza da proba  concéntrase nos 90 quilómetros finais do trazado cos portos de Alto de Sete Carballos, A Pintinidoira, Vilasol e  o propio Cebreiro, como os puntos máis elevados. Ademais deste recorrido completo, ofrécese a posibilidade de realizar un medio fondo, de 100 quilómetros, cun trazado alternativo nos puntos de maior desnivel.

O ex-ciclista Ezequiel Mosquera, que organiza a proba, comparou o percorrido cunha “etapa raíña dunha volta” polos quilómetros e desnivel acumulado e sinalou a idoneidade dos Ancares para o ciclismo que, dixo, “quere montaña, boas estradas e pouco tráfico, os Ancares reúne todas esas condicións”, concluíu.

O alcalde de Pedrafita, Jose Luis Raposo, agradeceu á area de Deportes que “pensara en Pedrafita para acoller un evento destas características” e amosouse seguro de que “os ciclistas que veñen volverán”.

Os formularios de inscrición están dispoñibles na web da proba https://www.ancarescyclingmarathon.com. O prazo para anotarse estará aberto ata a semana antes do evento. A organización adaptará o desenvolvemento da proba á normativa sanitaria vixente no momento ofrecerá aos participantes a posibilidade de realizar un test de antíxenos.