O Presidente da Deputación recibe ao novo delegado territorial da Xunta en Lugo

O impulso das infraestruturas necesarias para vertebrar e desenvolver o territorio; un Plan de Dixitalización para eliminar zonas de sombra e favorecer a actividade económica e fixar poboación; un Plan de Industrialización que poña en valor o sector primario; e o reforzo dos servizos sociosanitarios e de educación son fundamentais para o Presidente
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este venres no Pazo de San Marcos ao novo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, tras a súa toma de posesión. Tomé Roca, quen lle entregou a Arias como obsequio institucional unha peza de cerámica de Gundivós, trasladoulle os seus mellores desexos nesta nova etapa dende a máxima lealdade institucional e amosoulle a súa vontade de “seguir mantendo unha relación fluída e de colaboración entre as dúas administracións para resolver os problemas que afectan á provincia”.
Neste senso, o mandatario provincial subliñou como cuestións fundamentais para o futuro de Lugo, “nas que debemos traballar para facer realidade”, o impulso das infraestruturas necesarias para vertebrar e desenvolver o territorio; un Plan de Dixitalización para eliminar zonas de sombra e favorecer a actividade económica e fixar poboación; un Plan de Industrialización que poña en valor o sector primario; e o reforzo dos servizos sociosanitarios e de educación.
En canto a infraestruturas, o Presidente da Deputación lembrou, entre outras, a necesidade de rematar a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte, acometer o acceso ao porto seco de Monforte e o desdobramento completo do corredor Lugo-Monforte en autovía.
Así mesmo, José Tomé expúxolle ao delegado da Xunta na provincia que, para fixar poboación no rural e favorecer o seu desenvolvemento económico é imprescindible un Plan de Dixitalización que elimine todas as zonas de sombra da provincia dotándoas de cobertura e de servizo de telefonía móbil e de internet.
Un plan industrial para a provincia que poña en valor os recursos propios e favoreza a segunda e transformación dos produtos para xerar valor engadido no territorio é outra das cuestións que o Presidente ve fundamentais para impulsar o desenvolvemento harmónico do territorio, sobre todo do rural, que mellore a calidade de vida da xente e que fixe poboación.
En materia de benestar, o Presidente cre preciso un modelo que cubra as necesidades do conxunto do territorio da provincia, con servizos públicos de calidade e que non desarraiguen á poboación, tanto en materia de sanidade e de servizos sociais, como de educación.
José Tomé tamén abordou con Javier Arias as necesidades e reivindicacións da provincia a nivel estatal, como a creación dunha autoridade portuaria propia para Lugo, que contribúa a potenciar e diversificar a actividade industrial, ademais das partidas necesarias para avanzar na chegada do AVE a Lugo, o inicio das obras da A-76 (Ponferrada-Ourense) e que se complete a A-54 (Lugo- Santiago).