Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación reforza a súa aposta pola Ribeira Sacra e inicia a mellora da estrada entre Sober e Doade

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
O Incio
A institución provincial inviste 185.000€ na rehabilitación de sete quilómetros da LU-P-5903, unha vía estratéxica para o turismo e o sector vitivinícola, conectando recursos patrimoniais e produtivos que son fundamentais para a economía local

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora de sete quilómetros da LU-P-5903, a estrada que conecta Sober e Doade, cun investimento de 185.000€. Trátase dunha actuación que reforza a aposta da institución provincial pola mellora das infraestruturas que contribúen ao desenvolvemento económico e turístico da Ribeira Sacra.

Os traballos dos que se encarga Fevisa Vías y Obras SL contan cun prazo de execución de dous meses e comezaron este martes coa limpeza de cunetas. A actuación permitirá rehabilitar o primeiro tramo da vía, entre os puntos quilómetros 1,3 e 8, mellorando de maneira integral as condicións da vía.

Concretamente, as obras contemplan ademais da mellora da drenaxe, o saneo da explanada, a reparación dos desperfectos existentes e a repavimentación. 

Esta é unha vía especialmente relevante para Sober e para o conxunto da Ribeira Sacra, xa que facilita o acceso a miradoiros, adegas e explotacións vitivinícolas, conectando recursos turísticos e produtivos que son fundamentais para a economía local.

Nos últimos seis anos, a Deputación de Lugo leva investidos máis de 700.000€ na mellora dunha vía que ten moita importancia para a provincia, por dar servizo á veciñanza, facilitar o acceso de visitantes e profesionais. Un investimento que é proba do compromiso da institución provincial coa mobilidade da Ribeira Sacra, apostando por infraestruturas que axudan a vertebrar o territorio e que son fundamentais para que a economía local poida seguir medrando.