Carmela López abre a vía para desbloquear a Casona do Incio e destaca a colaboración anual da Deputación co municipio
A Presidenta visitou este martes o histórico inmoble e anunciou que os servizos técnicos e xurídicos da institución provincial estudarán a proposta municipal de cesión sempre que garanta a súa recuperación e reverta no interese da veciñanza
“Estamos abertos a resolver un problema que leva anos enriba da mesa. Se a cesión é a fórmula que permite recuperala, darlle un uso público e garantir que ese patrimonio estea ao servizo da cidadanía, estudaremos esa vía con toda a disposición”, explicou
O Incio recibe cada ano arredor de 300.000€ a través do Plan Deputación, aos que se suman actuacións específicas en estradas e outras infraestruturas con fondos propios. A mandataria provincial aproveitou para supervisar algunhas das obras máis recientes
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, avanzou este martes que a institución provincial está a impulsar unha solución para desbloquear e recuperar a Casona do Incio, abrindo a vía da súa posible cesión ao Concello, sempre que esta alternativa permita garantir a recuperación do inmoble e a súa posta ao servizo dos veciños e veciñas.
Durante a visita que fixo este martes ao municipio, que comezou cun encontro institucional co Alcalde, Héctor Manuel Corujo, e a Corporación municipal, a mandataria coñeceu a proposta do Concello e explicou que será analizada polos servizos técnicos e xurídicos da Deputación para determinar a fórmula máis axeitada. “Estamos abertos a resolver un problema que leva 20 anos enriba da mesa. Se a cesión é a fórmula que permite recuperala, darlle un uso público e garantir que ese patrimonio estea ao servizo da cidadanía, estudaremos esa vía con toda a disposición”, valorou.
Subliñou que o obxectivo é ofrecer unha solución real, polo que será necesario analizar o proxecto de recuperación, o seu custo, calendario de execución e financiación prevista. Detallou que a Casona, situada fronte á Casa do Concello, pertence á Deputación tras a integración no seu patrimonio dos bens de SUPLUSA. O municipio solicitou formalmente a súa cesión e unha achega da Deputación de 250.000€ para a súa recuperación.
A institución provincial, levou a cabo diferentes actuacións para garantir a seguridade do inmoble nos últimos anos, como o apuntalamento da fachada principal e a retirada de elementos da cuberta que podían afectar á vía pública. “Non queremos que a Casona continúe sendo unha discusión sobre o pasado, queremos que sexa unha oportunidade para o futuro do Incio e da veciñanza”, afirmou Carmela López.
Colaboración estable co Concello
A visita permitiu tamén poñer en valor a colaboración estable entre a Deputación e O Incio. A través do Plan Deputación, a institución provincial destina cada ano arredor de 300.000 euros ao municipio, permitindo financiar actuacións e servizos e atender as necesidades dos diferentes núcleos.
Precisamente, Carmela López supervisou a actuación de pavimentación dos accesos ao núcleo de Viladecais, incluída no Plan Deputación 2025, e cun investimento de máis de 179.000€. E destacou que o Plan Deputación “garante aos concellos recursos cada ano para atender as súas prioridades e impulsar actuacións que teñen un impacto directo no día a día da veciñanza”.
Melloras nas estradas para o desenvolvemento económico
A segunda parte da xornada centrouse na rede viaria provincial. Na LU-P-2503, que conecta o Incio con Foilebar, está prevista unha actuación para mellorar a evacuación das augas superficiais; mentres que na LU-P-1306 que une Megoxe, Seceda e Ferrería de O Incio se están realizando labores de mellora no pavimento.
Carmela López que quixo coñecer a situación de primeira man, destacou que o mantemento e a mellora das estradas son tamén unha ferramenta para impulsar o desenvolvemento económico e social de O Incio, ao facilitar a mobilidade da veciñanza, mellorar a conexión entre os diferentes núcleos e favorecer o acceso ás explotacións, negocios e servizos. “Unha boa rede viaria é fundamental para que as persoas poidan vivir e traballar no rural, para facilitar a actividade económica e para que os diferentes núcleos estean ben conectados”, sinalou a Presidenta.