45 usuarios de AFA Chantada reciben atención profesional co apoio do Goberno da Deputación

A Deputada sinalou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos con AFAChantada para axudar a levar a cabo as actividades que se celebran no centro, así como os talleres que realizan no medio rural, atendendo a preto de 45 usuarios”
A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos preto de 45 usuarios da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras de demencias de Chantada (AFA Chantada). Fíxoo para coñecer de primeira man os resultados da colaboración que mantén o Goberno da Deputación con este colectivo, que ascende aos 10.000 euros anuais.
A asociación presta atención a usuarios con alzheimer no seu centro de traballo en Chantada, e tamén no medio rural, pois varias terapeutas desprázanse a catro aldeas do municipio para levar a cabo talleres de memoria. O resto de actividades que levan a cabo os profesionais dende o centro son: talleres terapéuticos, ximnasia, servizo de masaxista e servizo de neuropsicoloxía individual.
López Izquierdo sinalou que “dende o Goberno da Deputación colaboramos con AFA Chantada para axudar a levar a cabo as actividades que se celebran no centro, así como os talleres que realizan no medio rural, para mellorar a calidade de vida dos preto de 45 usuarios que atende esta asociación”.
AFA Chantada
Este colectivo social creouse no ano 2005, a proposta dun grupo de coidadoras que queren atender a persoas con este tipo de enfermidade, creando así a asociación. Este colectivo céntranse na atención personalizada, na prevención e a ralentización do alzheimer. O equipo profesional deste centro está formado por 7 empregados: dúas psicólogas, unha traballadora social, un fisioterapeuta, unha terapeuta ocupacional e dous auxiliares de enfermería. Traballan en aspectos terapéuticos, a través de obradoiros de ximnasia, servizos de masaxista e actividades de neuropsicoloxía individual. Ademais AFAChantada achega aos Concellos de Taboada e Carballedo talleres de memoria.