Deputación de Lugo

280 actos compoñen o San Froilán 2018, co que colabora a Deputación

San Froilán
festas
Lugo
Festas San Froilán 2018
- Do 4 ao 12 de outubro, vestida de festa, Lugo volve adquirir un esplendor especial. Nestes días, as prazas, a xente, … todo está tinguido coa luz e coas cores especiais de outono, cores que marcan que Lugo está de patrón, que chega o San Froilán; un pretexto para unhas festas nas que a cidade, sempre aberta, se volve máis aberta ca nunca.

Para elo, o Concello deseñou unha programación de 280 actos, co obxecto de satisfacer a todos os públicos, que presentou este venres, na Praza Maior, o Voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; outros membros do Goberno de Lugo e distintos representantes e artistas que teñen oco no programa, que farán do San Froilán 2018, unha festa única.

Santos Ramos apuntou que a colaboración da Deputación vai na liña de seguir impulsando ao San Froilán como punto de encontro da provincia e de convivencia, onde teñan cabida todos os gustos e sensibilidades. Para elo, e como non podía ser doutro xeito, o Goberno da Deputación ten que estar presente na que é unha das festas máis importantes para a provincia de Lugo. Neste senso lembrou que, como é habitual, na praza traseira do Concello, estará o tradicional mercado ArteSanFroilán, un espazo no que turistas e visitantes poderán coñecer de primeira man o gran traballo dos artesáns lucenses.

"Tradición, historia e cultura, conxugadas con modernidade e vangardismo", definen a esta cita, que nesta edición, e tras tres anos dedicando o día 11 de outubro a un dos Patrimonios Mundiais de Lugo, o Camiño Primitivo, se impulsa aínda máis, ofrecendo conferencias e andainas previas ao inicio dos festexos. Serán os días 29 e 30, os paseos con saída ás 10:30 horas dende a parada do bus urbano da rúa Anxo López Pérez e as charlas, ás 19:00 horas, no auditorio do Centro Cultural do Vello Cárcere. Xavier Gómez Vila e Adolfo de Abel Vilela serán os encargados das ponencias, baixo os títulos Os itinerairos xacobeos pola cidade de Lugo e A presenza do Camiño na cidade de Lugo.

Esta edición, as festas patronais de Lugo teñen un programa de ampla representación internacional, con artistas como Myles Sanko (inglés), Marky Ramone (americano) ou os grupos Fanfare Ciorcalia, de Rumanía, Pussy Riot, de Rusia -que actuarán por primeira vez no escenario con Ramone-, ou Nathy Peluso e Javiera Mena, de Latinoamérica. Ademais, este é un San Froilán con especial protagonismo para os artistas de Lugo: coa presenza de máis de 20 grupos locais.

Haberá ademais, como é habitual, o Día de Ferrol (6), Desfile de Gando, Festival de Cultura Tradicional, San Froilán Tecedeiro, feira de antigüidades, ofrenda a Rosalía, de man de Paloma Lugilde; o Domingo das Mozas (7), mostra do traxe tradicional galego, concertos de bandas ou unha verbena como as de antes.


É a rúa, son as prazas as que acollen a festa

O San Froilán é unha festa que acolle a rúa e as prazas. Esta cita, declarada de Interese Turístico Galego e Nacional, arrincará o día 4, ás 20:30 horas co pregón de Manuel Lombao. Despois Los Pelúdez, Los Gofiones, pasarrúas, concerto folk, noite sabinera…

O propio día de San Froilán: un espectáculo piromusical e videomaping, na Praza Maior, ás 23:30 horas. Zenet, Adrián Vigo, Lucía Pérez e Vizcaíno súmanse aos concertos que xa estaban anunciados, como por exemplo os de Rozalén, SonDeSeu, ou Herdeiros da Crus.

O San Froilán integrador

O programa do San Froilán, cada vez máis completo e integrador, para que todos teñan a oportunidade de vivir a festa; tamén contempla este ano programación para os miúdos e miúdas, en concreto medio cento de actividades no patio do edificio administrativo do Concello; para os máis deportistas: unha vintena de citas de diversas modalidades e para os maiores, como vén sendo habitual unha verbena de tarde, o luns 8. No relacionado coa tradición, o San Froilán ten 5 días dedicados á cultura no Camiño, no Cantiño Nemesio Cobreros, con cada día dedicado a diversos oficios tradiconais; así como o Arte San Froilán (impulsado pola Deputación), ou a presentación dun número máis da colección dos Devanceiros: As festas Finiseculares, de Adolfo de Abel Vilela.


Prolongación dos buses urbanos e aparcadoiros disuasorios

Os días 4, 6 e 11 de outubro, as liñas 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu servizo ata as 03:00 horas, e os días 5, 7 e 12, as liñas 3AE, 4E, 5E, 6E, ata as 02:00 horas. O Concello habilitará 4 zonas de estacionamento disuasorias, dúas en Campos Novos, As Termas e rúa das Artes. Do mesmo xeito, haberá un servizo especial de bus que conectará estas zonas co recinto feiral.

Alsa ofrecerá descontos dun 25% para as persoas que se acheguen a Lugo entre o 1 e o 15 de outubro.

Máis información destes festexos na web www.sanfroilan.info