Deputación de Lugo
Economía
Turismo

A Deputación participa na XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa de Vilalba

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, asistiu este sábado xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, ao pregón que ofreceu o actor Sergio Pazos no templete da Praza da Constitución vilalbesa

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, asistiu este sábado ao pregón da XXVIII Festa do Queixo San Simón da Costa que ofreceu o actor Sergio Pazos no templete da Praza da Constitución, e que abriu oficialmente esta tradicional cita na capital chairega.

Morandeira destacou a importancia desta cita gastronómica que exalta un produto de gran calidade apreciado en todo o mundo, e que producen 376 ganderías inscritas na Denominación de Orixe Protexida. Agradeceu a Deputada o traballo da Asociación de Queixeiros de San Simón e do Concello vilalbés para organizar esta tradicional feira, “que atrae cada ano a numerosos visitantes e pon en valor un produto que leva o nome da Chaira e da provincia de Lugo por todas partes”. Así mesmo, destacou que esta festa concorda “co modelo de promoción do territorio e do turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico sostible da provincia”.

A Festa do Queixo de San Simón da Costa, que celebra mañá domingo o día grande, conta con postos das 7 fábricas da capital chairega e con máis de medio centenar de stands con outros produtos de alimentación procedentes de toda España. Ademais, a programación inclúe durante toda esta fin de semana un amplo programa de actividades para todos os públicos.