Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia ao Concello de Trabada para celebrar unha nova edición da Festa da Enfariñada

Trabada

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, participou este domingo co Alcalde de Trabada, Rubén García Freije, na celebración da quinta edición da Festa Gastronómica da Enfariñada. Unha cita, á que a institución provincial achega 10.000€ para a súa organización, e que reuniu a centos de persoas para degustar de xeito gratuíto este prato típico trabadense. 

Carmela López subliñou a proxección que en tan só cinco anos acadou este encontro arredor dunha receita, á que tamén se lle chama faragullos, e que se fundamenta no touciño, ovos, leite, fariña e auga.  “Ver aquí veciños e veciñas implicados de xeito desinteresado, de todas as idades, en algo tan especial como é manter viva a tradición, é o que nos anima dende a Deputación a colaborar para consolidar a Festa da Enfariñada e atraer visitantes”. “Temos que recoñecer o enorme traballo que fai o Concello por enxalzar este produto”, afirmou, ao tempo que reivindicou a aposta solidaria que fai, ao contar coa asociación Saúde Mental A Mariña para a elaboración das cuncas nas que se serviron as racións.

Ademais de degustacións, a programación incluíu un mercadiño con postos de artesanía e de produtos locais, e música durante todo o día.