Menu toggle
Audiovisuais

Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), é unha entidade, sen ánimo de lucro, promovida pola Deputación Provincial de Lugo, clasificada como benéfico-docente por unha Orde do 26 de Novembro de 2003 e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. 

Fundación TIC ten como obxectivo prioritario promover e levar a cabo actividades dirixidas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como o impulso e consolidación da denominada sociedade do coñecemento ou sociedade da información, de maneira que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo. 

Este obxectivo fundacional motivou a promoción e creación dun centro privado autorizado, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir ensinanzas de formación profesional de grao superior de Produción de audiovisuais, radio e espectáculos e de Realización de audiovisuais e espectáculos, que iniciou o seu funcionamento no curso 2003/2004. 

Para desenvolver as súas actividades a Fundación TIC ten subscritos convenios con medios de comunicación social, institucións, empresas e organismos do sector audiovisual dirixidos á promoción e consecución dos seus obxectivos. 

Asemade, a Fundación conta con recursos propios para desenvolver os obxectivos e estratexias deseñadas coa finalidade de aproveitar as sinerxías xeradas na formación, a produción e a promoción no sector audiovisual.