Ensinanza regrada

 

ENSINANZA REGRADA

O Centro de Formación Audiovisual inclúe os ciclos de FP Superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos e Realización de Proxectos Audiovisuais. É o único centro da provincia de Lugo que imparte ensinanza superior da familia profesional do sector audiovisual.

O modelo formativo do CFA é froito da aposta da Deputación de Lugo polo ensino de calidade e a igualdade de oportunidades entre todos os mozos e mozas interesados en formarse nesta materia. 

Durante os dous anos de cada ciclo combínase unha esixente formación teórica coa realización de prácticas en escenarios reais, o principal sinal de identidade do modelo educativo do CFA. O obxectivo é que o alumnado estea preparado para as demandas dun sector en continua evolución, como o audiovisual, cando acceda ao mercado laboral.

Para isto, o Servizo de Audiovisuais dispón dunhas dotacións modernas, que inclúen platós de gravación e salas de realización e son, e un equipamento de última xeración. Tamén conta cun equipo de docentes e de técnicos con ampla experiencia no sector.

Nesta mesma liña desenvólvese un amplo abano de actividades extraescolares, nas que destacan aquelas coas que os estudantes poñen en práctica os seus coñecementos, desde emisións en directo a través de streaming ata a produción e organización de eventos reais. Promovemos ademais a participación dos alumnos e titulados en gravacións e rodaxes que teñen lugar na provincia de Lugo, o que lles permite adquirir experiencia laboral, coñecer de primeira man o funcionamento do sector e establecer contactos de cara a futuros proxectos.

É importante tamén a colaboración e o intercambio de experiencias con outros centros educativos e coa Universidade.