Mónica Freire traslada os parabéns á Carqueixa, que recibiu este luns o Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural
A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, trasladou a “máis efusiva noraboa á familia da Cooperativa A Carqueixa, que este luns recibiu o Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural na provincia de Lugo", organizado polo grupo Aresa coa colaboración da USC.
A deputada nacionalista valorou a traxectoria da Carqueixa, “un proxecto con 26 anos de vida comprometido co rural que contribúe ao crecemento económico dos concellos nos que están asentadas as persoas cooperativistas, xerando riqueza e postos de traballo”.
Tamén subliñou a aposta da cooperativa pola sostibilidade, “a través dun modelo de gandeiría extensiva, na que as vacas pacen e crían en liberdade, que axuda a manter os prados e montes limpos e a previr o risco de incendios”.
O Premio Aresa, que chegou a vixésimo primeira edición, recoñece cada ano iniciativas e proxectos que contribúen ao benestar de persoas que viven e traballan no medio rural.
Colaboracións coa Carqueixa
A área de Medio Rural ven colaborando coa Carqueixa e cos seus gandeiros en diferentes proxectos. No 2020, a entidade recibiu unha achega de 6.000 euros destinado á accións de difusión e promoción dos seus produtos a través da web “O sabor dos Ancares” onde os consumidores poden mercar, directamente, sen intermediarios, os seus produtos cárnicos.
Trátase ademais dunha plataforma para a difusión dos valores asociados á actividade da cooperativa, ligados ao coidado do medio, ás culturas e tradicións dos Ancares, e á vida no rural.
Mónica Freire adiantou que “de cara a este anualidade, traballamos na organización das I Xornadas de Desenvolvemento Rural "O que non arde" que se centrarán na gandeiría extensiva e que celebrarán en Vilela (Navia de Suarna), con Oliver Laxe como anfitrión e promotor e coa colaboración coa Cooperativa A Carqueixa, a Asociación Ser e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes”.