Deputación de Lugo
Economía
Turismo

O Portomarín BeerFest será a fin de semana epicentro nacional da cervexa artesanal, co apoio da Deputación

BeerFest Portomarín
cervexa
O Deputado de Promoción Económica e Social, e o organizador presentaron en San Marcos este encontro, no que os asistentes poderán catar 11 marcas nacionais e internacionais de fábricas como Inglaterra, Grecia, Barcelona, Segovia ou A Coruña

Rivera Capón destacou “que este tipo de eventos, que teñen cada vez unha maior demanda, son un gran aliciente económico para a nosa provincia, ao mesmo tempo que enriquecen e diversifican a nosa oferta cultural e turística”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o organizador do Portomarín BeerFest, Manuel Pombo, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a terceira edición deste encontro, que se celebrará esta fin de semana, do 3 ao 5 de maio, na Praza do Camiño da localidade co apoio da Deputación.

Rivera Capón felicitou á organización, á que a institución provincial achega unha aportación económica de 2.500€, por impulsar esta iniciativa que naceu para converterse no que é hoxe xa, un festival referente en Galicia arredor da cervexa artesanal, que reunirá a máis de 11 firmas de fábricas de toda Galicia, pero tamén do resto de España e de países como Inglaterra e Grecia. “Este tipo de eventos, que teñen cada vez unha maior demanda, son un gran aliciente económico para a nosa provincia, ao mesmo tempo que enriquecen e diversifican a nosa oferta cultural e turística”. 

Así mesmo, destacou o Deputado que durante estes días pasarán polo centro de Portomarín máis de 2 mil persoas, “o que supón unha grande proxección para a localidade máis aló do Camiño de Santiago, pois a este tipo de festivais asisten amigos e familias que aproveitan para vir a pasar a fin de semana á provincia”. Polo que, subliñou, o BeerFest “encaixa perfectamente co modelo de turismo sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación de Lugo”. 

O Deputado animou a todos os veciños e veciñas da provincia a aproveitar esta fin de semana, coincidindo co festivo do Primeiro de Maio a achegarse a Portomarín, “para desfrutar de dous días de festa e de encontros, onde tamén terán a oportunidade de descubrir moitas curiosidades sobre a cervexa artesanal e a rica cultura que a rodea”.

11 tipos de cervexas de todo o mundo

Nesta terceira edición do Portomarín BeerFest contarase con 11 fábricas de cervexas, o que dará a posibilidade de que os asistentes poidan catar sabores diferentes de todo o mundo. Ofrecerase produto de marcas grandes e moi prestixiosas a nivel nacional, das que moitas das súas cervexas son consideradas como produtos delicatessen. 

Un dos obxectivos da festa tamén é que a sociedade poida descubrir novas cervexas que non é doado atopar nos comercios convencionais. Entre as marcas de cervexa que estarán representadas esta fin de semana están Seven Island (Grecia), Verdant (Reino Unido), Beak (Inglaterra), Alealé (Galicia), Attik (Málaga), Caleya (Asturias), Espiga e Garage (Barcelona), Pyrene (Huesca), Rec Brew( Barcelona), Sanfrutos (Segovia). 

O evento desenvolverase nunha carpa situada na Praza do Camiño, no centro da localidade de Portomarín. Contarase, ademais dos postos coas billas de cervexa, con postos de comida, e actividades para os máis pequenos da casa.  Tamén haberá catas de whisky e actuacións musicais con grupos locais e da provincia creando un espazo moi interesante en torno a cervexa.