Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación investirá na Chaira máis de 3,7 M€ a través do Plan Único 2021

plan único
A CHAIRA
Imaxe deputación de lugo
Os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Xermade e Vilalba percibirán estes fondos para mellorar as infraestruturas, fomentar o emprego, e tamén para impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal

As bases deste programa de Cooperación cos Concellos xa foron aprobadas no pleno do mes de decembro e será nas vindeiras semanas cando se abrirá o prazo para que cada concello presente os proxectos e accións que se financiarán con estes fondos

O A Deputación de Lugo investirá máis de 3,7 millóns de euros nos concellos da Chaira a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021, que nesta anualidade o Goberno subiu ata os 21,5M€. As bases xa foron aprobadas no pleno de mes de decembro e nos vindeiros días abrirase o prazo para que cada municipio poida solicitar os investimentos e accións que considera máis relevantes para adxudicar estes fondos provinciais. 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, explica que os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Meira, Muras, A Pastoriza, Pol, Xermade e Vilalba percibirán “máis de 3,7M€ para a mellora das infraestruturas, para fomentar o emprego, e tamén para axudarlles a impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal”. 

Tomé Roca detalla que “dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”. No ano 2020, decidiuse abrir unha nova liña para paliar o impacto da Covid-19, e, nesta ocasión, “volvemos a incorporar melloras, de cara a un ano no que os concellos necesitan maior colaboración para combater a crise provocada pola pandemia e favorecer a recuperación social e económica”, subliña.

Neste sentido, o mandatario provincial explica que “a Deputación segue reforzando o seu principal instrumento de cooperación cos concellos. Isto é especialmente importante nun ano no que as entidades locais teñen máis necesidades polos efectos da crise sanitaria, sobre todo aqueles máis pequenos, nos que boa parte da actividade depende dos recursos económicos aportados por esta institución”.

É a primeira vez dende que existe este programa provincial de investimentos que se aprobarán as bases no ano anterior ao seu período de vixencia, algo “moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poderán empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o Presidente.

Nesta edición, os concellos poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros deste ano ao abeiro do Plan Único 2021, o que favorecerá a creación de postos de traballo. 

Apoio ao tecido produtivo
Outra das novidades do Plan Único 2021 é que, dentro da liña COVID, ábrese unha nova vía de apoio ao sector servizos: hostalería, turismo e comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia. Con esta nova medida, “volvemos a demostrar que as políticas da Deputación están pegadas á realidade da provincia de Lugo e que axudan a recuperar os sectores produtivos, dentro das nosas competencias e cos recursos dispoñibles”, asegurou José Tomé.

Estas son as principais novidades do Plan Único 2021, que, polo demais, mantén a súa esencia, como é a distribución dos fondos en función de criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística. O Plan Único fixa unha contía máxima de 500.000 e mínima de 200.0000 euros, coa que se blinda o financiamento do concellos máis pequenos”.

 

Distribución de fondos por concellos
CONCELLOS ACHEGA PLAN ÚNICO 2021

ABADÍN 

339.356,28€
BEGONTE 299.604,19€
CASTRO DE REI 394.149,88€
COSPEITO 364.558,82€
GUITIRIZ 445.723,03€
MEIRA 223.430,82€
MURAS 289.252,68€
A PASTORIZA 326.821,78€
POL 270.168,85€
XERMADE 309.748,20€
VILALBA 500.000,00€
TOTAL 3.762.814,53€