Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa as melloras que acomete a Deputación en 3 estradas provinciais de Guitiriz con 263.000 euros

José Tomé Roca
Guitiriz
estradas provinciais
Visita Guitiriz
Trátase da rúa Mercado; a LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga; e a LU-P-2303, que comunica a capitalidade de Guitiriz co límite provincial da Coruña

Tomé Roca subliñou que con estas actuacións “avanzamos nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”

O mandatario provincial comprobou tamén as obras de construción do Centro de Atención a Maiores na Casa da Botica, unha dotación cun investimento de 1,2M€ que mellorará o benestar social e creará emprego sostible na zona

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este xoves varias actuacións financiadas pola institución provincial cun total de máis de 1,4M€ no concello de Guitiriz durante a visita que realizou esta mañá ao concello chairego, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa, Marisol Morandeira. 

En concreto, José Tomé supervisou a execución de obras de mellora en tres estradas provinciais que contan cun investimento de 263.000€ e o proxecto de construción do Centro de Atención a Maiores na Casa da Botica, adxudicado en 1,2M€.

Unha das actuacións en estradas provinciais ao seu paso por Guitiriz, xa rematada, consistiu no arranxo da rúa Mercado, que, partindo da N-VI, discorre cara a parroquia dos Vilares, na LU-P-2301, debido a que as lousas de pedra natural, nalgúns casos estaban soltas e noutros romperan. “Entendemos que era precisa esta actuación para darlle unha solución definitiva ós problemas que veñen padecendo os veciños e veciñas que transitan por ela, repoñendo a totalidade das lousas de pedra natural e reforzando os pozos e rexistros”, explicou Tomé Roca.

Outra obra, que estará finalizada nos vindeiros días,ten lugar na estrada provincial LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga. As obras consisten en dotar á estrada de beirarrúas en ámbolos dous lados, nun treito de 200 metros. Esta vía discorre entre vivendas e supón o acceso a dúas estradas que xa contan con beirarrúas.  Aproveitando esta actuación tamén se canalizan as augas a través de tubaxe e sumidoiros. Esta actuación mellorará así mesmo a seguridade dos nenos e nenas que residen nas vivendas da rúa no seu traxecto de ida e volta ao colexio.

A terceira actuación na rede viaria provincial ao seu paso por Guitiriz que visitou hoxe o Presidente foron os traballos de rehabilitación do firme da LU-P-2302, que comunica a capitalidade de Guitiriz co concello de Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña. As actuacións teñen lugar nun treito de 6 quilómetros, entre os puntos 3,5 e 9,5. Consisten no acondicionamento con aglomerado en quente, a limpeza de cunetas, o reafirmado dos bordes, e a sinalización horizontal. Ditos traballos xa están rematados.

José Tomé subliñou que conestas actuacións a Deputación segue avanzando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo agradecer "a presencia do Presidente da Deputación de Lugo en Guitiriz e o investimento económico que a institución provincial está a realizar no noso municipio. Este apoio é moi importante para que Guitiriz siga crecendo e  para aumentar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”. 

Avances na Casa da Botica
O Presidente aproveitou a visita a Guitiriz para comprobar o estado das obras que o organismo provincial está levando a cabo na Casa da Botica, onde se situará a residencia de maiores da localidade chairega, unha dotación social moi demandada pola veciñanza, “froito da colaboración entre a Deputación e o Concello, que mellorará o benestar social e creará emprego sostible na zona”, destacou Tomé Roca.

A empresa adxudicataria do proxecto xa desmontou a cuberta do edificio vello e fixo un baleirado e retirada dos escombros, quedando só as paredes e as medianeiras do inmoble. No edificio novo, as obras consistiron na escavación e cimentación. Actualmente, estanse a facer os traballos de soleira e da rede de saneamento do edificio. 

A rexedora destacou que "grazas ao compromiso da Deputación vaise transformar a Casa da Botica nunha residencia de maiores que mellorará o benestar social. Esperemos que se axilicen as obras o antes posible porque é unha infraestrutura moi relevante para toda a veciñanza"

O centro de maiores de Guitiriz ofrecerá 52 prazas repartidas en 26 habitacións, que poden ser habilitadas dobres. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a  Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Guitiriz terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca da Terra Chá e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o prezo da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma.

O modelo de residencias da Deputación de Lugo, lembrou o Presidente,garante que os usuarios e usuarias “poidan seguir vivindo preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade”. Estas características dos centros de maiores provinciais, engadiu José Tomé, “repercuten no seu benestar físico, pero tamén no benestar emocional, ademais na tranquilidade das familias”.