Deputación de Lugo
Medio ambiente

Santos Ramos: “Fronte ás dificultades impostas pola Xunta de Galicia, a Deputación responde ás necesidades das redeiras”

Viveiro
Emprego
Xornada de formación redeiras da Mariña
O voceiro do Goberno e a Alcaldesa de Viveiro abriron a xornada de formación que se levou a cabo no concello viveirense, logo de celebrarse en Burela e Ribadeo

O Executivo ofrece formación gratuíta ás redeiras da Mariña para que poidan obter o certificado de profesionalidade, logo de asinar un convenio por valor de 40.000 euros con UNIATRMAC para este fin. Faino en resposta ás esixencias da Xunta

Santos Ramos: “o 90% das redeiras en Galicia son mulleres, representan un colectivo que agrupa a preto de 700 traballadoras, sendo a comunidade que aglutina un maior número de profesionais neste sector (o 80%), o que dá boa conta da súa importancia”

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e a Presidenta de UNIATRAMC, Dolores Somoza Regueiro, participaron este martes na localidade viveirense na apertura da xornada de formación do sector marisqueiro, redeiras e pesca artesanal, coa que colabora o organismo provincial. O Goberno da Deputación ofrece formación gratuíta ás redeiras da Mariña para que poidan obter o certificado de profesionalidade, logo de asinar un convenio por valor de 40.000 euros coa Asociación de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia (UNIATRMAC) para este fin. Mediante este acordo, xa se levaron a cabo outras dúas xornadas divulgativas en Burela e Ribadeo e dúas accións formativas en Burela coas que acceder ao exame de capacitación para obter o mencionado certificado.

Santos Ramos apuntou que “fronte ás dificultades impostas pola Xunta de Galicia, a Deputación responde ás necesidades das redeiras. É curioso, canto menos, ver ás persoas que tiñan que estar ensinando a facer redes nestas xornadas, para poder ir pasar un exame co que seguir desenvolvendo o seu traballo e darse de alta na Seguridade Social, para poder ter un emprego nunhas condicións dignas. Trátase dunha realidade que dende a Deputación quixemos atender para que na provincia de Lugo houbese a posibilidade de formarse e superar os certificados de profesionalidade. Unha demanda que nos tiñan trasladado tamén alcaldes ou alcaldesas, como en concreto, a de Viveiro”.

O voceiro do Goberno subliñou que “mentres o lexislador, neste caso a Xunta de Galicia, se mantén allea á realidade dos sectores, dende a Deputación, coas nosas alcaldesas e alcaldes, tratamos de axudarvos a sobrevivir pese ás trabas da Administración e a que poidamos prepararnos para un futuro no que temos materia prima, no que temos instalacións, no que temos preparación, no que temos vontade, e polo tanto, o que necesitamos é, xa non impulso, senón que desaparezan as barreiras que a propia Administración nos pon”.

Santos Ramos lembrou que “o 90% das redeiras en Galicia son mulleres, representan un colectivo que agrupa a preto de 700 traballadoras, sendo a comunidade que aglutina un maior número de profesionais neste sector. En concreto, representan o 80% da totalidade de redeiras que hai no territorio español, o que nos dá boa conta da importancia do seu traballo para o noso territorio, a parte do que significa na economía, no emprego, no desenvolvemento do noso litoral e dos nosos concellos que teñen ese cariz ou ese matiz costeiro”

“Case 17.000 toneladas de peixe comercializadas o ano pasado no porto de Celeiro, unha cifra de negocio en torno aos 56 millóns de euros, tamén son datos que falan da relevancia deste sector para o conxunto da provincia. E, por iso, dende a Deputación queremos estar a carón dos profesionais que o conforman e continuaremos a apoialos”, engadiu.