Marisol Morandeira: "Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista"
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, deu este mércores lectura á Declaración Institucional do 25N que a Deputación de Lugo aprobou por unanimidade no pleno provincial do pasado martes. “Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista”, subliñou Morandeira na Praza de San Marcos, que acolleu tamén a acción artística do alumando do Centro de Formación Audiovisual (CFA) da Deputación.
A deputada reafirmou a máis firme condena da Deputación de Lugo a todas as formas de violencia machista que atentan contra a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres. Fíxoo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A través dunha declaración institucional asinada polos tres grupos políticos con representación na corporación provincial, PSdeG, BNG e PP, a institución lembrou especialmente ás mulleres vítimas de todas as expresións da violencia machista, ás mulleres asasinadas e tamén ás súas fillas e fillos, vítimas directas dunha violencia que deixa consecuencias irreparables nas súas vidas e nas das súas familias.
O documento recolle a persistencia desta realidade a través das cifras oficiais: a 27 de outubro de 2026, contabilizábanse en España 43 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de tres menores tamén asasinados. A Deputación subliña que detrás de cada cifra hai unha vida truncada, unha contorna familiar afectada e unha chamada de atención sobre a necesidade de reforzar as políticas de prevención, detección temperá, protección e atención integral.
A declaración sinala que a erradicación da violencia machista require actuar sobre as súas causas estruturais, como a desigualdade, os estereotipos sexistas e o control nas relacións afectivas, así como combater os discursos que minimizan ou xustifican a violencia. Tamén pon o foco nas novas formas de violencia dixital e sexual, especialmente entre a mocidade, e na importancia de promover relacións baseadas no respecto, no consentimento, na liberdade e no bo trato.
O papel fundamental das administracións locais
Marisol Morandeira destacou na súa lectura o papel esencial dos concellos e das deputacións pola súa proximidade á cidadanía, tanto na prevención e detección de situacións de risco como na sensibilización social e na orientación cara aos servizos especializados.
Neste sentido, a institución provincial considera imprescindible que as entidades locais conten con financiamento suficiente e estable, persoal cualificado, formación continua e protocolos de actuación que favorezan a detección temperá, a atención integral e a coordinación entre servizos.
A declaración conclúe cunha mensaxe de compromiso colectivo e responsabilidade institucional: “Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista», «Non pode haber neutralidade posible ante quen a exerce, a xustifica, a minimiza ou a nega» e «Non se pode mirar para outro lado”.
Na xornada participaron tamén deputadas e deputados provinciais, así como persoal empregado público da institución, e numerosas cidadás e cidadáns. Ademais, repartíronse entre as persoas asistentes paraugas con mensaxes de sensibilización sobre a violencia de xénero. Como mostra de apoio á loita contra as violencias machistas, a fachada do Pazo de San Marcos luce as lonas negras conmemorativas desta xornada.
En camino contra as violencias
Baixo o lema deste ano, En camiño contra as violencias. X Aniversario (2016-2026), o alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación desenvolveu unha acción simbólica na que transformou unha pancarta con palabras que representan o medo, o control, o desprezo e o silencio, para deixar visible unha mensaxe de respecto. A través deste xesto, os participantes expresaron o seu rexeitamento á violencia e a importancia de construír relacións baseadas na liberdade, no consentimento e no bo trato.
O acto continuou cunha lectura coral na que dez estudantes tomaron a palabra por quendas e colocarán dez pegadas no chan, formando un percorrido simbólico entre 2016 e 2025. Cada intervención lembrou unha parte deste camiño e abordou cuestións como o control nas relacións, a violencia dixital, o respecto aos límites persoais, a responsabilidade colectiva e a importancia de escoitar e acompañar.
A proposta subliñou a responsabilidade da mocidade na construción dunha sociedade máis igualitaria, facendo fincapé na importancia de non normalizar comportamentos machistas, non compartir imaxes íntimas sen consentimento, rexeitar as humillacións e apoiar a quen precisa axuda.