Deputación de Lugo

A Deputación presenta o seu modelo de intelixencia artificial nun congreso internacional en Madrid

MencIA
O deputado de Promoción Económica e Social e o responsable de Innovación e Participación Cidadá da Deputación presentaron MencIA no VI Congreso Internacional do Instituto Complutense de Ciencia da Administración e participaron nun grupo de traballo sobre o uso responsable da IA xunto a especialistas de España, Arxentina e México.

A Deputación de Lugo presentou este mércores en Madrid a súa estratexia de intelixencia artificial, MencIA, no VI Congreso Internacional do Instituto Complutense de Ciencia da Administración (ICCA), que se celebra entre o 25 e o 27 de novembro na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, baixo o lema Estado e Administración Pública nun mundo en transformación.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participa neste encontro xunto co xefe da Sección de Innovación e Participación Cidadá da institución provincial, José Antonio Arias Lombardero, onde presentaron o modelo que está a desenvolver a Deputación para incorporar a intelixencia artificial aos servizos públicos desde a premisa de “aproveitar as posibilidades desta tecnoloxía sen perder o control sobre os datos, as ferramentas nin as decisións”, argumentou Rivera Capón.

O deputado provincial expuxo no foro a estratexia provincial MencIA nunha ponencia baixo o título Gobernar a intelixencia artificial desde o local: soberanía tecnolóxica, control auditable e eficiencia enerxética na Administración Pública, dentro dun dos grupos de traballo con maior participación, que reúne 15 participantes procedentes de distintos puntos de España e de países como Arxentina e México. 

A participación neste foro permite á institución provincial situar a experiencia de Lugo nun debate de dimensión internacional e compartir con especialistas doutras administracións e do ámbito académico unha iniciativa que “aposta por unha intelixencia artificial útil, segura e ao servizo da cidadanía”, explicou Pablo Rivera.

MencIA, unha IA que xa usa o persoal da Deputación e que recibiu varios recoñecementos nacionais e internacionais

A Deputación de Lugo lanzou hai uns meses a súa propia estratexia de intelixencia artificial, MencIA 2026-2030, enfocada á aplicación desta ferramenta nos servizos públicos. O seu obxectivo é mellorar os servizos públicos mediante o uso desta tecnoloxía, garantindo que a Administración manteña en todo momento a capacidade de decidir como se utiliza e que se fai cos datos. Para avanzar nesta liña, a Deputación está a desenvolver unha infraestrutura tecnolóxica propia, con servidores propios e modelos abertos, así como un Laboratorio de Intelixencia Artificial que xa conta con 17 ferramentas, entre aplicacións e asistentes conversacionais, que están a ser usados polo persoal da Deputación.

O traballo desenvolvido arredor de MencIA recibiu diversos recoñecementos ao longo de 2026. A estratexia provincial foi distinguida pola Asociación Española para a Calidade (AEC) no II Congreso Foro GRC, obtivo o Premio Juan Raya Gómez á Innovación no Control e na Xestión Pública Local de FIASEP e foi recoñecida nos Premios SAM 2026 como mellor idea de futuro pola proposta dun catálogo provincial de intelixencia artificial soberana para os concellos.

Ademais, MencIA conta cun espazo propio no OECD.AI Policy Navigator, o observatorio de políticas de intelixencia artificial da OCDE, baixo a denominación MencIA: Sovereign AI Strategy for Territorial Cohesion.