As 42 Xornadas da Sociedade Galega de Medicina e Rehabilitación reúnen no Pazo de San Marcos a 80 profesionais de toda Galicia
O Pazo de San Marcos acolle desde esta tarde as 42 Xornadas da Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF), que contan con 80 persoas inscritas e coa participación de especialistas de distintos centros sanitarios galegos. Durante dous días, o encontro servirá para compartir coñecementos e experiencias e abordar os avances no ámbito da rehabilitación.
O programa aborda cuestións de especial interese para os profesionais desta especialidade médica, cunha atención destacada ao tratamento da dor crónica, as lesións dos nervios, os problemas de mobilidade e as novas técnicas para favorecer a recuperación das capacidades físicas das persoas. Tamén se analizarán diferentes perspectivas para atender pacientes con secuelas de lesións neurolóxicas, amputacións ou enfermidades que afectan os músculos e as articulacións.
Ao longo das dúas sesións de traballo haberá relatorios, mesas de debate ou presentación de investigacións nos que os especialistas poderán compartir coñecementos e experiencias clínicas. Entre os temas incluídos figura tamén o uso da ecografía para examinar os nervios e identificar lesións, así como novas ferramentas terapéuticas para aliviar a dor e mellorar a funcionalidade dos pacientes. O programa ao detalle pode consultarse na seguinte ligazón: https://congreso.sogarmef.org/.
As xornadas contarán coa participación de profesionais de diferentes hospitais e áreas sanitarias de Galicia nun programa dirixido fundamentalmente ao intercambio de coñecemento entre expertos en Medicina Física e Rehabilitación. A inauguración oficial deste encontro terá lugar este venres, 13 de novembro, ás 11:30 horas, no Pazo de San Marcos e contara coa participación do deputado provincial Miguel Fernández Méndez.