A Deputación destaca o labor de acompañamento e servizos da AECC na presentación do Congreso Galego de Persoas con Cancro
O deputado Miguel Fernández, participou este martes na presentación do IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares, que se celebrará o vindeiro 14 de novembro no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos de Lugo.
Baixo o lema Coidar desde un Patrimonio da Humanidade, o encontro arrancará ás 9:00 horas co obxectivo de crear un espazo de encontro, información e reflexión arredor da experiencia dos doentes e as súas familias, así como a importancia de ofrecer unha atención integral e humanizada durante todo o proceso da enfermidade. A asistencia é gratuíta e as persoas interesadas poden inscribirse na páxina web da asociación en Galicia: https://congresos.contraelcancer.es/galicia/gl/registro.
O programa contará coa participación de especialistas do ámbito sanitario e científico, como a investigadora do CNIO María Soledad Soengas e o doutor José Carlos Hernández Fernández, así como co testemuño de Nicolás Martínez Adega, campión do mundo de paracanoe, que compartirá a súa experiencia tras afrontar un cancro na infancia.
Fernández destacou que o apoio da Deputación a Asociación Española contra o Cancro (AECC) –organizadores do congreso- resulta fundamental para que a entidade poida desenvolver o seu traballo de acompañamento e servizos aos doentes e ao seu entorno e como unha vía necesaria para dar resposta ás necesidades sociais da cidadanía. Subliñou o labor dos profesionais e do voluntariado para ofrecer unha atención integral.
“O diagnóstico de cancro afecta a todo o entorno familiar e por iso é fundamental ofrecer apoio non só a quen padece a enfermidade, senón tamén as persoas que coidan e acompañan durante o proceso”, valorou o deputado. Engadiu que “nun territorio como Lugo, con 67 concellos e unha importante dispersión da poboación, é fundamental que os recursos e os servizos cheguen alí onde vive a xente. Esa aposta pola proximidade e pola igualdade territorial é unha filosofía que compartimos desde a Deputación”.
José Manuel Rozas, presidente da Asociación Española contra o Cancro de Lugo, e Manuel Barreira, presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos, acompañaron ao deputado e o resto de autoridades nesta presentación que tivo lugar na sede lucense da AECC.