A Vicepresidencia da Deputación colabora coa V edición do BreaSon de Mondoñedo
Tamén haberá dous roteiros, unha proxección, unha exposición de ilustracións e unha cata de produtos de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto, entre outras actividades
Lugo, 4 de novembro de 2026.- O deputado de Mocidade, Daniel García, participou este mércores na presentación do Festival BreaSon, organizado pola Asociación Xuvenil Xoldra, que chegará á súa quinta edición o sábado 7 de novembro.
O BreaSon volve apostar pola música galega con bandas como Ünder & Diego Flâneur, Familia Caamagno, Mercedes Peón ou La Duendeneta Dilleis; incluíndo tamén outras propostas como as madrileñas Las Petunias ou o grupo navarro Sedientos de Cumbia. Pola tarde, durante o magosto popular, actuarán os grupos tradicionais mindonienses Os Carricantos e Meniñ@s da Mariña.
Daniel García sinalou que “xa é unha cita consolidada no outono mariñán, demostrando o gran traballo que fai a xente moza de Mondoñedo e a Asociación Xuvenil Xoldra unindo tradición e novas propostas, e apostando, tamén, por unha programación paralela que pon en valor a cultura, a historia e os produtos galegos”.
O programa inclúe un bo número de actividades paralelas, que darán comezo o venres 6 de novembro coa proxección do documentario 360 Curvas e a apertura da exposición de ilustracións de artistas galegas no Casino de Mondoñedo.
O sábado, no marco do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto, da Vicepresidencia da Deputación, e coa colaboración de Asoporcel, organizarase unha maridaxe de cervexa e produtos de porco celta. Tamén haberá dúas convocatorias do roteiro “Mondoñedo e a súa xente”, unha cata de cafés de especialidade, e un taller de serigrafía e olaría.
A entrada é libre e gratuíta. Haberá unha carpa cuberta para os concertos e habilitarase unha zona de “acampada interior” na área deportiva Viñas da Veiga.
Programa completo
Venres 6 – Casino de Mondoñedo
- 20 horas: Proxección e petiscos “360 curvas”
- 21.30 horas Apertura da Exposición de Ilustracións
Sábado 7:
- 12 horas: Cata e maridaxe con “Un gusto de rural, un rural degusto” – Casino de Mondoñedo
- 12 horas: Roteiro: “Mondoñedo e a súa xente”
- Sesión Vermú – Praza da Catedral
13. 30 horas: Familia Caamagno
14.30 horas: Duendeneta Dilleis
- 17 horas: Cata de café de especialidade – Casino de Mondoñedo
- 17 horas: Obradoiros: Serigrafía e olaría – Barrio dos Muíños
- 17 horas: Roteiro: “Mondoñedo e a súa xente”
- 18.30 Magosto e foliada – Praza do Concello
Meniñ@s da Mariña
Os Carricantos
Maxia con Aris Vilarino
- Concertos – Praza da Catedral
21 horas: Mercedes Peón
22.30 horas: Ünder & Diego Flâneur
00 horas: Las Petunias
01.30 horas: Sedientos de Cumbia
* Cambios e Peche: Duendeneta Dilleis