A Deputación acollerá este domingo a exposición de cogomelos da Sociedade Micolóxica Lucus
A Deputación de Lugo acollerá este domingo, 8 de novembro, a XXIV Exposición de Cogomelos que organiza a Sociedade Micolóxica Lucus. O corredor do Pazo de San Marcos volverá converterse nun espazo de divulgación e coñecemento da riqueza micolóxica da provincia, cunha mostra que cada ano atrae a centos visitantes e que xa é unha das citas clásicas do outono lucense.
A exposición permitirá observar diferentes especies de cogomelos representativas dos distintos hábitats da provincia, debidamente identificadas e acompañadas de información de interese. Nalgunhas edicións chegaron a mostrarse ata 300 especies, aínda que nesta ocasión se prevé unha cifra menor debido á seca.
A mostra completarase cunha exposición fotográfica dedicada aos cogomelos e aos hábitats micolóxicos da provincia. E os visitantes poderán acceder a unha presentación audiovisual sobre micoloxía e observar, a través dunha lupa binocular, diferentes cogomelos e as súas estruturas.
Durante toda a xornada, membros da Sociedade Micolóxica Lucus estarán presentes para atender as preguntas dos visitantes. A exposición poderá visitarse o domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas. O acto institucional de inauguración terá lugar ás 12:00 horas e a entrada será libre e gratuíta.
A Sociedade Micolóxica Lucus
A Sociedade Micolóxica Lucus conta co apoio da Deputación de Lugo e está integrada actualmente por 285 socios, o que a converte na segunda entidade deste ámbito con maior número de membros de Galicia. Ademais, este ano celebra o seu 25 aniversario, unha traxectoria dedicada ao estudo, á divulgación e á posta en valor do patrimonio micolóxico.
A actividade contribúe tamén a dar a coñecer a biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola Deputación. A Sociedade Micolóxica Lucus forma parte do seu Órgano de Participación desde hai 13 anos.
A Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola UNESCO en novembro de 2002, é a máis extensa de Galicia, cunha superficie de 363.668,9 hectáreas que abrangue 26 concellos da provincia de Lugo. Este espazo natural, que ocupa arredor do 39% do territorio provincial, destaca pola riqueza dos seus ecosistemas, especialmente os vinculados á auga, aos bosques autóctonos e ás zonas húmidas. A Deputación de Lugo é a entidade encargada da súa xestión.
