Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia patrocina a 48 edición do Rally San Froilán, que chegará por primeira vez a Baralla e estrea treito en Sarria

Rally San Froilán
Baralla
Sarria
A Vicepresidencia patrocina a 48 edición do Rally San Froilán, que chegará por primeira vez a Baralla e estrea treito en Sarria
Bruno Martínez Bermúdez debutará no Rally San Froilán como gañador do Volante Deputación

Lugo,  14 de outubro de 2026.-  Esta tarde presentouse a 48 edición do Rally San Froilán, que se celebrará os vindeiros 16 e 17  de outubro  co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación, principal apoio institucional da proba.

O rally, organizado pola Escudería Miño, disputarase en cinco treitos a dobre pasada en estradas de Outeiro de Rei, O Corgo,  Samos e Baralla, que suman 104  quilómetros cronometrados

As novidades do percorrido son o treito de Baralla, con saída e meta na contorna da vila e paso por Piñeira, Sixirei, Vilarello ou Vilarpunteiro, e o de Sarria, con paso po Goimil, Seteventos ou San Sadurniño de Ferreiros. A proba lucense, a penúltima do Campionato Galego de Asfalto, conta con 114 pilotos inscritos.

Na súa intervención, o  vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro ratificou o apoio da institución provincial a unha proba que “converte Lugo no punto de referencia de todos os afeccionados e afeccionadas ao automobilismo galego” e que “ano a ano refrenda co seguimento nas estradas, pero tamén coa gran participación de equipos e escuderías locais, que somos unha provincia de deportes de motor”

Efrén Castro enmarcou o apoio ao rally  “nas accións de apoio ao automobilismo que poñemos en marcha desde a Vicepresidencia da Deputación, dirixidas fundamentalmente  a manter a actividade da escuderías e pilotos” e citou “a liña de axudas específica para pilotos de rally que se convoca anualmente” e “a organización, conxuntamente con PTC Escuela e co Concello da Pastoriza, do Volante Deputación, que ofrece a pilotos noveis posiblidade de participar de forma gratuíta no rally”

O gañador do Volante Deputación 2026, o focense Bruno Martínez Bermúdez, estrearase na competición a bordo dun Dacio Sandero, no equipo de competición PTC Escuela, como premio a súa vitoria na proba provincial do pasado mes de maio.

O piloto mariñao participou na presentación do Rally xunto a unha decena de pilotos lucenses, que amosaron os seus vehículos na Praza de San Marcos.  Tamén  participaron na presentación representantes do concellos  de Lugo, Outeiro de Rei, O Corgo, Sarria, Samos e Baralla, así como da Xunta de Galiza e da Subdelegación do Goberno.


Programa

O Rally disputarase en dúas xornadas. As  primeiras pasadas polos tramos de Outeiro de Rei e O Corgo celebraranse o venres -16 de outubro – pola tarde, antes da cerimonia de saída que reunirá a todos os participantes na Praza da Horta do Seminario, en Lugo, desde ás 21.00 horas.
O rallly continuará o sábado, coas segundas pasadas por Outeiro e O Corgo, e os treitos de Baralla, Sarria e  Samos, que pechará un ano máis a proba, cun tramo nocturno.

Tramos e inscritos: https://rallyesanfroilan.org/