Máis de 500 atletas profesionais e afeccionados participarán na I Milla Internacional do Cantábrico co apoio da Deputación
- Carmela López defende a colaboración entre administracións e entidades para impulsar eventos que sitúen A Mariña no mapa e atraian turismo deportivo
A primeira edición da Milla Internacional do Cantábrico (MIC) celebrarase esta fin de semana, os días 17 e 18 de outubro, en Viveiro, con máis de 500 persoas inscritas segundo o total, xa pechado, publicado pola organización. A cita, que conta co apoio da Deputación de Lugo, reunirá atletismo de elite, deporte popular, carreiras para as categorías base e unha proposta inclusiva, cun programa que combina competición e actividades para achegar este deporte á cidadanía.
Carmela López, a presidenta da institución provincial, participou este mércores na presentación do evento, promovido polo Concello de Viveiro coa colaboración do CD CAMOVI. No acto estiveron tamén a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; o presidente do CD CAMOVI, Felipe Martínez; ou o deportista Adrián Ben entre outras autoridades.
López destacou a importancia de que as administracións vaian da man das entidades deportivas para impulsar eventos que sitúen A Mariña e a provincia no mapa. «Creo que as administracións nos temos que xuntar para eventos coma este, que poñen esta fin de semana A Mariña e a provincia nas primeiras portadas», sinalou.
Aagradeceu ao CD CAMOVI a súa traxectoria e implicación no deporte da comarca. «As administracións, sen as entidades sen ánimo de lucro, non somos ninguén», afirmou, en referencia ao papel destas organizacións para orientar os recursos públicos e facer posibles iniciativas que mobilizan a cidadanía.
Tamén puxo o foco no turismo deportivo como unha oportunidade para municipios como Viveiro, Cervo, Burela e o conxunto da Mariña, coa chegada de deportistas e acompañantes que poden coñecer o territorio e querer regresar.
A proba inclusiva contará coa participación de persoas vinculadas a entidades como ASPANANE Viveiro, a Fundación EU Son de Burela e Down Lugo.
Adrián Ben, atleta viveirense, embaixador da MIC e unha das persoas que impulsaron a iniciativa, agradeceu a rápida resposta das institucións á proposta. López destacou o seu papel como referente deportivo para A Mariña e para a provincia e agradeceulle que liderase o proxecto.
Un programa en dous días e diferentes percorridos
O sábado 17 a programación comezará ás 17:00 horas coas carreiras infantís MIC Kids, que se disputarán na contorna da Travesía da Mariña e incluirán categorías desde sub6 ata sub16, con distancias adaptadas a cada idade: 100 metros para os máis pequenos (2021 e posteriores), 200 para os nados entre o 2019 e o 2020, 400 metros para os menores de 10 anos, 600 metros para os sub12, 800 metros para os sub14 e 1.200 metros para os menores de 16 anos.
Ás 18:00 horas celebraranse as series populares e a milla inclusiva, tamén na Travesía da Mariña. A participación nesta última estará aberta ás persoas que se incorporen a través da organización, sen número de participantes pechado previamente. A iniciativa busca facilitar que persoas con diferentes capacidades poidan formar parte da xornada deportiva. A milla internacional de elite, cun percorrido de 1.609 metros, comezará ás 19:00 horas na Travesía da Mariña e reunirá especialistas do medio fondo nacional e internacional.
A programación continuará o domingo 18 coa carreira 10K Cidade de Viveiro, que comezará ás 11:00 horas. A saída e a meta estarán situadas xunto á Porta de Carlos V, cun percorrido de 10 quilómetros pola fachada marítima de Viveiro ata o porto de Celeiro e regreso.
Segundo o publicado pola organización, a proba de 10 quilómetros concentra 182 inscritos e a categoría de elite conta con 26. As carreiras de base abranguen desde sub-6 ata sub-23, mentres que o programa inclúe tamén categorías sénior e máster. As persoas participantes recibirán entre hoxe e mañá unha guía do corredor coa información práctica sobre a competición, incluídos os lugares e procedementos para recoller os dorsais. A organización disporá dunha oficina técnica para atender aos corredores desde o venres.
Un cartel de elite con atletas nacionais e internacionais
A milla internacional de elite será unha das principais citas do programa. Entre os nomes anunciados figuran o italiano Simone Barontini e os atletas españois Ignacio Fontes, Pablo Sánchez-Valladares e David Barroso. Na categoría feminina destacan Águeda Marqués e Lorena Martín. A participación internacional inclúe deportistas de países como Italia, Alemaña, Portugal e Croacia.
A MIC súmase ao calendario galego de grandes citas atléticas internacionais, no que tamén figura o Gran Premio Internacional de Marcha Cantóns da Coruña, Trofeo Sergio Vázquez, e sendo a única deste tipo na provincia.
A proba terá un significado especial para Viveiro coa participación de Adrián Ben Montenegro, atleta local, embaixador da MIC e unha das persoas que impulsaron a iniciativa. Ben foi campión de Europa de pista cuberta dos 800 metros en 2023, quinto nos Xogos Olímpicos de Toquio en 2021 e campión de España absoluto dos 1.500 metros en 2025 e 2026.
Desde o equipo organizador destacan a oportunidade de que o público poida ver de preto deportistas que habitualmente segue a través da televisión, así como compartir con eles a experiencia da competición e solicitar autógrafos. A MIC busca así achegar o atletismo de alto nivel á cidadanía e, especialmente, aos nenos e nenas que comezan a practicar deporte.
25 anos traballando co deporte base
Os impulsores do C.D. CAMOVI acumulan 25 anos de traballo con nenos e nenas en diferentes modalidades deportivas, entre elas o atletismo, o duatlón e o bádminton. O club centra boa parte da súa actividade na formación de base e acompaña os deportistas que destacan, axudándoos a atopar clubs nos que poidan continuar a súa evolución deportiva. Ademais, esta entidade deportiva leva 15 anos organizando a Carreira por Montaña Montes de Viveiro, unha proba que o club identifica como a máis antiga da provincia nesta modalidade.
A MIC amplía esa traxectoria organizativa cunha proposta centrada no atletismo urbano, que reúne nunha mesma fin de semana competición internacional, deporte popular, categorías infantís e participación inclusiva.
