Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Lugo presume de tradición gandeira coa mostra ExpoLugo A Rural, financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo

ÁREA DE RURAL
EXPOLUGO A RURAL
Lugo presume de tradición gandeira coa mostra ExpoLugo A Rural, financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo
Efrén Castro inaugurou a mostra que reúne máis de medio cento de animais de razas autóctonas galegas

Lugo,  10 de outubro de 2025.- O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro inaugurou esta mañá a mostra gandeira ExpoLugo A Rural, organizada polo Pazo de Feiras e Congresos con financiamento da Vicpersidencia da Deputación de Lugo.

Tras a apertura do recinto, ubicado a carón do Vello Cárcere, Efrén Castro recorreu os postos e corraletas da mostra, que acollen exemplares das razas autóctonas galegas de vacún Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega, de Ovella e Cabra Galega, de Porco Celta, de cabalo de Pura Raza Galega, de Galiña de Mos e de Can de Palleiro, así como animais de razas foráneas como as vacas Limousin, as ovellas Churra e as cabras Florida e maquinaria clásica da man de Muvicla.

O vicepresidente da Deputación valorou  "o compromiso das asociacións gandeiras que, xunto ao persoal do Pazo de Feiras, se encargan de toda a loxística da mostra, achegando o rural á cidade e os visitantes que se achegan nestas datas a Lugo" e destacou "o interese desta mostra para visibilizar e recoñecer a importancia da gandería e do rural para a produción de alimentos e para a conservación do noso patrimonio natural e cultural"

Xunto ao recinto gandeiro, ofreceuse unha degustación de produtos de razas autóctonas da man do programa Un gusto de rural, un rural degusto, na que o público asistente puido probar minihamburguesas de vaca Frieiresa, empanada de Galo de Mos, boliños de salchichón de Porco Celta, bolos preñados de chourizo de Cabalo de Pura Raza Galega ou croquetas de cordeiro de Ovella Galega.

A mostra, que permacerá aberta ata as 20.00 horas, volverá abrir mañá, de 11.00 a 14:30 horas. A carón do recinto gandeiro pode verse tamén a exposición “Gardiáns” de Jorge Arévalo, con fotografías que retratan o día a día en ganderías da provincia con razas autóctonas.