O IX Concurso de Fotografía dos Ancares Lucenses repartirá 1.600 euros en premios
A Deputación de Lugo ten aberto o prazo de inscrición para participar no IX Concurso de Fotografía 20 Aniversario da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, unha iniciativa para conmemorar os vinte anos da declaración deste territorio como Reserva da Biosfera pola UNESCO.
O certame establece tres premios, de 800, 500 e 300 euros respectivamente e as fotografías deberán reflectir a riqueza natural, cultural e etnográfica da Reserva, así como as tradicións e os oficios vinculados a este territorio. A Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses abrangue 53.664 hectáreas nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e unha parte do municipio de Becerreá.
As persoas participantes deberán presentar unha única fotografía, en cor ou en branco e negro, tomada dentro do ámbito da Reserva da Biosfera e que non fose premiada en edicións anteriores.
Como participar
As solicitudes deberán acompañarse dunha fotografía en formato dixital, nun CD ou memoria USB, e dunha copia en papel fotográfico. A documentación presentarase nun sobre que inclúa os datos persoais da persoa participante, o título da obra e o lugar onde foi tomada.
As fotografías poderán entregarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, en Lugo, remitirse por correo certificado ao enderezo: Praza de San Marcos, 8, 27001 Lugo. Se a solicitude se presenta nun rexistro distinto, será necesario enviar ese mesmo día un correo a medioambiente@deputacionlugo.org co xustificante do rexistro.
As bases completas e a documentación da convocatoria están dispoñibles na páxina web: https://deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/concursofotografiaRRBB.
Actividades polo 20 aniversario da Reserva
A programación conmemorativa do 20 aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses continuará nas próximas semanas con propostas relacionadas co patrimonio, a gastronomía e o medio natural.
• 24 de outubro. VI Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, en San Román de Cervantes.
• 31 de outubro. Xornada micolóxica, na Escola de Barcia, en Navia de Suarna, de 10:00 a 14:00 horas.
• 7 de novembro. Obradoiro de rescate na montaña, no edificio de Servizos Múltiples de San Román de Cervantes, de 9:00 a 15:00 e de 16:30 a 22:30 horas.
A programación completarase os meses seguintes con iniciativas de educación ambiental, identificación de especies alóctonas, Nordic Walking, divulgación sobre artesanía alimentaria e seguimento das abellas silvestres, entre outras propostas.