Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Lugo de corazón a corazón leva a prevención cardiovascular a 16 concellos da provincia

Prevención cardiovascular
A presidenta da Deputación asinou este venres co responsable de ACARLU unha achega de 8.217,5€ para desenvolver en diferentes puntos da provincia formacións sobre hábitos saudables, factores de risco, primeiros auxilios ou RCP

Lugo de corazón a corazón achega información e formación sobre hábitos saudables, control dos factores de risco e actuación ante unha emerxencia cardiovascular a persoas de 16 concellos da provincia. O proxecto conta cunha subvención nominativa de 8.217,50 euros da Deputación, que se formalizou este venres.

A iniciativa promovida pola Asociación Lucense de Cardioloxía (ACARLU), busca facilitar o acceso a coñecementos e ferramentas de prevención e autocuidado tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos.

Charlas e coloquios sobre saúde cardiovascular, alimentación, medicación, sinais de alerta e hábitos saudables; formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) e utilización de desfibriladores; compleméntanse con actividades físicas adaptadas, camiñadas e espazos de apoio e intercambio de experiencias entre persoas que viven ou viviron situacións cardiovasculares. En total, 16 intervencións presenciais que se desenvolverán a partir deste mes e ata a primavera en diferentes concellos da provincia.

A veciñanza da Pontenova, Guitiriz, Navia de Suarna, Bóveda, Antas de Ulla, Pedrafita do Cebreiro, Samos, Foz, O Vicedo, Monforte de Lemos, Muras, Cervantes, Vilalba, Ribas de Sil, Trabada e Barreiros aprenderá a través desta iniciativa que incorpora o modelo de acompañamento de doente a doente, no que persoas con experiencia propia contribúen ao apoio e á educación doutras persoas afectadas.
A presidenta da Deputación, Carmela López, e o responsable da asociación, Francisco Villanueva, asinaron esta mañá o convenio e despois baixaron á mesa informativa que ten este venres o colectivo na Praza de San Marcos.

Apoio aos concellos

Á marxe da colaboración con ACARLU, a Deputación está a preparar a renovación da formación en cardioprotección ao persoal da institución. Así mesmo, está a ultimar un informe sobre os medios dos que dispoñe os 67 concellos da provincia neste eido, co fin de axudarlles a equiparse e a formarse.

Sinatura convenio