Cultura
Deputación de Lugo

Inauguración da mostra "Mulleres de Gaza" no Pazo de San Marcos

REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
Gaza
Exposición
Acto de inauguración da exposición

Esta tarde inaugurouse no Pazo de San Marcos a mostra «Mulleres de Gaza», de Nour e Anwar Abu Rayan. A exposición, que poderá verse nos corredores do edificio ata o 28 de outubro, está composta por vinte cadros, vinte escenas de vida errante e resistencia, de dor e morte e do desgarro dun xenocidio que non cesa.

Trátase de pinturas que narran a vida cotiá dunha poboación asediada por terra e aire, un día a día de morte e dor que as irmás palestinas Nour e Anwar Abu Rayan retrataron, armadas de pinceis e cores, o exterminio que viviron dende a veciña Cisxordania, conectadas por outras tantas violencias vividas en primeira persoa coas mulleres retidas e masacradas na Franxa.

A través das obras, as artistas contan a historia de mulleres coma elas, habitantes de Gaza e parte dunha Palestina que segue a mirarnos directamente aos ollos, incluso cando hai tempo que xa non atopa grandes espazos dende os que ser contada.

Esta proposta chega a Lugo da man da Coordinadora Galega de ONGD, grazas ás organizacións Asemblea de Cooperación pola Paz e a súa parceira nos territorios ocupados, o Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW), ambas as dúas depositarias da obra de Nour e Anwar Abu Rayan e encargadas de facilitar a súa exposición.

O PSCCW é unha organización palestina que traballa con mulleres e familias que viven as consecuencias máis duras da vulneración de dereitos, da ocupación e das violencias, mentres que Asemblea de Cooperación pola Paz aposta por unha cooperación solidaria, transformadora e comprometida orientada a protexer a poboación civil e apoiar iniciativas que promovan a dignidade e a igualdade. Pola súa banda, a Coordinadora Galega de ONGD traballa dende Galicia para construír un modelo de cooperación transformadora baseado no desenvolvemento sustentable e no enfoque feminista e de dereitos humanos.

Logo de pasar polo Centro Sociocultural do Castiñeiriño, arroupada pola comunidade veciñal deste barrio de Santiago como parte do programa Compostela máis Solidaria, a mostra atopa no vixésimo aniversario da Rede Museística Provincial un marco idóneo para reafirmar o papel dos museos como ferramentas de transformación social, convidando a cidadanía lucense a achegarse a unha realidade que nos chama a non mirar para outro lado.