A Festa da Troita con Xamón reúne no barrio da Ponte a máis de 500 veciños das parroquias ribeirás do municipio de Lugo
O encontro está promovido pola federación veciñal Lucus Augusti e conta co apoio da institución provincial. Miguel Fernández destacou o traballo que fan os veciños no coidado dos ríos e na conservación do territorio.
Os deputados provinciais Miguel Fernández, Pablo Rivera e Pilar García Porto participaron na IV Festa da Troita con Xamón de San Lázaro que se celebrou no campo da festa de San Lázaro, no barrio lucense de A Ponte. Nesta festa de exaltación gastronómica e de confraternidade, estiveron acompañados polo presidente da federación veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez, entidade organizadora do evento, así coma outras autoridades.
A Festa da Troita con Xamón serviu para recoñecer o traballo a prol da conservación dos ríos que fan os veciños das parroquias do concello de Lugo, tanto dos que dan á ribeira do Miño coma os que viven preto dos seus afluentes.
Neste senso, Miguel Fernández, na súa intervención durante o acto destacou que “vós sodes os que coidades as marxes dos ríos, os que respectades a contorna e os que mantedes vivo o noso territorio”. E engadiu que “hoxe non é unha feira máis; é un gran día de confraternidade para atoparnos, compartir e fortalecer lazos arredor dunha mesa. E imos facelo poñendo en valor o mellor da nosa gastronomía de proximidade”.
4.000 racións de troitas de Ribeira de Piquín criadas no río Eo
A cuarta edición da Festa da Troita con Xamón contou coa asistencia de máis de 500 comensais provenientes das 22 parroquias lucenses que lindan co río Miño e cos seus afluentes, os ríos Rato e Mera.
No encontro degustáronse produtos de proximidade, pois servíronse unhas 4.000 racións de troitas de Ribeira de Piquín criadas no río Eo, acompañadas con xamón de Torre de Núñez, queixo da denominación de orixe San Simón da Costa e pan de Antas de Ulla.
A xuntanza tamén serviu para homenaxear a 12 persoas que este ano destacaron polo seu labor e traballo nalgunha das parroquias participantes, sendo distinguidas co premio “Amigo/a do rural”, galardóns que foron entregados ao remate do xantar.