Publicada a resolución das axudasa razas autóctonas da Vicepresidencia da Deputación, que dan cobertura á recría de 1000 animais de razas en risco de erosión xenética
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resoluciòn provisional do programa Morenas, que beneficia 62 ganderías lucenses
O Boletin Oficial da Provincia de Lugo publica hoxe a resolución provisional das axudas á recría de animais de razas autóctonas nas granxas de nacemento, convocadas pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
As axudas, encadradas no programa Morenas, beneficiarán a 62 ganderías con razas bovinas, ovinas e caprinas en risco de erosión xenética - Cachena, Caldelá, Frieiresa, Vianesa, Limiá, Ovella Galega e Cabra Galega-, que recibirán importes entre os 400 e os 8.000 euros, en función do número de animais e os requisitos establecidos nas bases.
O deputado de Rural Daniel García destacou que “as axudas dan cobertura á recría nas granxas de preto de 1000 animais de razas bovinas, ovina e caprina en risco de erosión xenética, contribuíndo a manter un patrimonio xenético propio do país e unha gandería adaptada ás condicións do territorio e aos sistemas de crianza tradicionais”
A distribución das axudas reflicte a maior presenza nas ganderías da provincia da raza Cachena, que representan a metade dos exemplares de vacún beneficiados pola convocatoria, seguida pola Caldelá, Vianesa, Frieiresa e Limiá. As subvencións tamén dan cobertura as ganderías con cabra e ovella galega, sumando 370 animais beneficiados na resolución. Coa publicación da convocatoria provisional, ábrese un prazo de 10 días para a presentación de alegacións.
O apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ás ganderías de razas autóctonas compleméntase cunha segunda liña de subvencións dirixida a fomentar a recría de raza rubia galega – o programa Marela! - que beneficiará 220 ganderías. En suma, a área de Rural destina ás ganderías de razas autóctonas axudas directas por importe de 400.000 euros.