Unha proxección sobre o alzhéimer dá inicio á cuarta edición de Ciencia á Feira, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación
Lugo, 21 de setembro de 2026.- A deputada Iria Castro participou na presentación da cuarta edición do programa Ciencia á Feira, do grupo de innovación docente Xuvenciencia, que conta coa colaboración da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación. Xunto á deputada tamén interviron Mercedes Novo, investigadora principal do proxecto, Iria Franco, vicepresidenta de AFALU, Elvira Fernández, secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, e Roberto Bande, vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo.
Nesta nova edición, o proxecto segue dando a coñecer á cidadanía as investigacións que se desenvolven no Campus de Lugo arredor dos desafíos aos que se enfronta o medio rural. Este ano incorpóranse tres liñas de traballo de especial relevancia social: a soberanía alimentaria, os incendios forestais e o alzhéimer.
Esta última liña foi a protagonista do acto, coincidindo co Día Internacional do Alzhéimer, coa proxección “Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar”. O vídeo, realizado en colaboración con AFALU, combina a perspectiva social e dos coidados coa divulgación dos estudos das diferentes áreas da Universidade.
Iria Castro destacou “o acerto das temáticas escollidas para esta edición, xa que abordan cuestións que terán unha relevancia crecente para a sociedade e contribúen, desde o coñecemento científico, a fomentar o pensamento crítico” e remarcou "a necesidade de socializar o coñecemento que se xenera na Universidade para unha comprensión máis ampla da importancia da investigación e do investimento en investigación"
A Vicepresidencia da Deputación ven colaborando de forma continuada cos proxectos de divulgación científica do Campus de Lugo, dando soporte económico a iniciativas como Ciencia á Feira e Lambiscadas Científicas. A área de Rural, Mar e Mocidade destinou 17.500 euros ao desenvolvemento deste proxecto divulgativo.