A Deputación achega a ciencia do Campus Terra á cidadanía a través do iTerra Night
Pablo Rivera puxo en valor o compromiso coa USC da institución provincial, que vén de asinar un convenio de colaboración para este ano por 370.500 euros
A Deputación de Lugo achega a ciencia e a investigación do Campus Terra á cidadanía a través do iTerra Night. Esta iniciativa, promovida polo instituto iTerra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), celébrase este xoves 25 de setembro no soto da Praza de Abastos de Lugo.
A programación, que arrancará ás 18:00 horas incluirá diferentes postos e actividades prácticas para coñecer de preto o traballo investigador que se realiza no Campus Terra. A iniciativa busca, especialmente, espertar a curiosidade científica entre os máis novos, facilitando que a cidadanía poida coñecer, experimentar e falar cos investigadores.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na presentación do evento e destacou o compromiso da Deputación coa universidade pública e co Campus de Lugo. Lembrou a colaboración que se vén mantendo de maneira estable coa USC e que volveu renovarse cun novo convenio entre ambas institucións polo que a Deputación achega 370.500 euros para reforzar a investigación, a transferencia de coñecemento, mellorar instalacións, promover a divulgación científica e facilitar as prácticas do alumnado.
Rivera Capón valorou que iniciativas como o iTerra posibilitan que a investigación non quede limitada aos laboratorios e centros universitarios. “Apostar pola investigación e pola divulgación científica é tamén apostar polo talento e polo futuro de Lugo” e reivindicou o papel do Campus como espazo de xeración de coñecemento e innovación.
A iTerra Night está asociada a unha iniciativa da Unión Europea que achega a ciencia e a investigación á cidadanía, e nace no contexto da participación da USC no proxecto europeo WONDER Where Our Next Discoverers Research.
Na presentación desta mañá participaron tamén o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; a Directora do Campus Terra, Marta Miranda; e a Directora do iTerra, Marta López Alonso, entre outras autoridades.