Efrén Castro na presentación do libro sobre o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras: "as institucións deben estar do lado da memoria, da democracia e da verdade"
O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu o venres a presentación do libro “50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras 1975-2025”, editado no marco das actividades impulsadas pola Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Galiza Sempre e a Fundación Terra e Tempo para homenaxear e dar a coñecer á sociedade galega a traxectoria militante e vital de Reboiras, asasinado pola policía franquista en Ferrol en agosto de 1975.
O acto contou coas intervencións Marisa Canto compañeira de militancia de Moncho Reboiras, que compartiu memorias persoais e reflexións políticas sobre o compromiso nacionalista e antifranquista de Reboiras, e Rubén Cela, presidente do Padroado da Fundación Galiza Sempre, que expuxo os avances logrados no último ano en relación coa socialización e a dignificación da memoria de Reboiras. Nese marco, valorou iniciativas de recoñecemento no espazo público como o busto instalado a caron do Vello Cárcere en Lugo ou o achegamento da súa figura a persoas alleas á militancia nacionalista con proxectos como a exposición artística "Moncho Reboiras. Semente de vencer".
Na apertura do acto, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro sinalou que "as institucións deben estar do lado da memoria, da democracia e da verdade" e denunciou "a polémica axitada a PP": "debater no 2026 se unha persoa asasanida a tiros, polo espalda, polo franquismo, é unha vítima ou non é un debate ridículo" que , dixo, só demostra "a necesidade de abrir as institucións para figuras como a de Moncho Reboiras".
A publicación, coordinada por Suso Seixo, Rubén Cela e Roberto Vilameá, recolle unha biografía asinada polo historiador Uxío Breogán Diéguez Cequiel, unha vintena de artigos de persoas que compartiron militancia e ideario con Reboiras e mais unha reprodución das creacions artísticas realizadas para a exposición “Moncho Reboiras. Semente de Vencer”.