Deputación de Lugo

A Deputación impulsa obradoiros familiares de globoflexia para ambientar o Arde Lucus

arde lucus
obradoiros
Imaxe deputación de lugo
A actividade, gratuíta e dirixida ao público infantil e adulto, celebrarase este xoves nas aulas de formación do Pazo de San Marcos, en dous grupos a partir das 16:00 horas

As prazas están limitadas a 60 participantes polo que será necesaria a inscrición previa a través do correo electrónico protocolo@deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo impulsa, con motivo do inicio do Arde Lucus, obradoiros gratuítos de arte con globos destinados ás familias. O obxectivo da iniciativa é contribuír á ambientación da festa romano-castrexa a través da elaboración de propostas creativas inspiradas na antiga Roma. 

Os obradoiros, dirixidos a nenos e nenas e persoas adultas, celebraranse este xoves 18 de xuño nas aulas de formación do Pazo de San Marcos. Desenvolveranse a partir das 16:00 horas da tarde en dúas quendas nas que haberá 20 prazas para os adultos e 40 para o público infantil. Cada sesión terá unha duración aproximada dunha hora.

Os menores desenvolverán deseños con globos de inspiración romana que poderán empregarse como escudos, coroas e outros elementos decorativos propios da recreación histórica. Pola súa banda, as persoas adultas crearán un photocall temático que quedará instalado durante as festas na sede provincial. 

Con esta iniciativa, baixo o nome Arde Lucus en Familia, a institución provincial busca fomentar a participación e a convivencia entre xeracións mediante unha actividade lúdica e cultural, ao tempo que contribúe á posta en valor da caracterización dunha das celebracións máis emblemáticas da capital lucense. En total, ofértanse un máximo de 60 prazas, polo que é preciso inscrición previa para participar nos distintos talleres. As persoas interesadas poderán anotarse a través correo: protocolo@deputacionlugo.org.

Ademais destas actividades, a Deputación de Lugo colabora como cada ano co Arde Lucus, unha festa castrexo-romana de referencia na recreación histórica a nivel nacional, contribuíndo ao seu desenvolvemento e consolidación e reforzando a proxección cultural de Lugo.