Carmela López: “A nosa provincia será un dos mellores lugares do mundo para ver a eclipse e estamos a traballar para estar á altura”
“Porque a eclipse vai durar uns minutos, pero o que fagamos ata ese día vai marcar a diferenza”, valorou a mandataria, que apuntou que o obxectivo é informar ben á cidadanía para poder aproveitar unha “oportunidade única” tras máis de cen anos
Baixo o título A provincia de Lugo, un lugar único para un momento inesquecible, a institución impulsa un ciclo de charlas pola provincia, a edición dun tríptico e a distribución de lentes homologadas para ver con seguridade o ceo o 12 de agosto
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou esta tarde na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a campaña de divulgación que fará a institución provincial de cara a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. “A nosa provincia será un dos mellores lugares do mundo para ver este fenómeno e estamos a traballar para estar á altura”, valorou a mandataria provincial.
“Porque a eclipse vai durar uns minutos, pero o que fagamos ata ese día vai marcar a diferenza”, subliñou Carmela López. “Queremos que a cidadanía saiba que vai ocorrer, como observalo e como facelo ben. E queremos tamén que este proceso sirva para organizarnos mellor como provincia e para aproveitar unha oportunidade que é única”, engadiu.
Destacou a Presidenta que hai máis de cen anos que a península ibérica non pode observar un fenómeno coma este e que Lugo está situado “nun lugar privilexiado, que tamén nos marca unha responsabilidade, porque un acontecemento desta magnitude require planificación”. Nese sentido sinalou que desde a Deputación “levamos tempo traballando co obxectivo de que a provincia chegue a esa data preparada, con información, con organización e con capacidade para responder”.
Carmela López tivo unhas palabras para a astrofísica Lucía González Cuesta, que foi a encargada da conferencia inaugural da programación da Deputación. Sinalou que esta profesional de primeiro nivel “combina coñecemento, experiencia e capacidade para explicar”, algo “fundamental” para divulgar con claridade.
Lucía González xunto a Alfonso Coya Lozano, membro da Asociación Astronómica Asturiana OMEGA, explicaron a continuación os aspectos fundamentais sobre a eclipse do 12 de agosto a preto dun cento de asistentes. Na conferencia, achegaron coñecementos, información e ferramentas paragozar deste fenómeno de forma segura, abordando os aspectos básicos sobre as eclipses, os mellores lugares para a súa observación e os materiais homologados e normas de seguridade visual que se deben empregar.
Doutora en Astrofísica, Lucía González Cuesta realizou a súa tese no Instituto Astrofísica de Canarias (IAC). Licenciada en Física pola Universidade de Oviedo e cun Máster en Astrofísica pola Universidade da Laguna, conta cunha ampla traxectoria no ámbito da divulgación científica, especialmente a través do seu proxecto Allande Stars, centrado na difusión da astronomía en contornos rurais.
Baixo o título de A provincia de Lugo, un lugar único para un momento inesquecible, a institución provincial impulsa tamén un ciclo de charlas polos diferentes concellos da provincia que se desenvolverá entre finais de xuño e xullo. Aínda se están a pechar as localizacións, pero está previsto que haxa conferencias en todas as comarcas. Ademais, a Deputación editará un tríptico para distribuír nos concellos e está a tramitar a adquisición de lentes homologadas para o seu reparto entre a veciñanza.
