A Deputación intensifica en Barreiros o mantemento nas estradas provinciais ás portas do verán
A institución provincial está a reforzar estas tarefas en varios concellos de cara a época estival, co obxectivo de garantir a seguridade viaria nun período no que a zona rexistra unha importante afluencia de visitantes
A Deputación de Lugo intensifica os traballos de mantemento nas estradas provinciais da Mariña de cara á campaña de verán, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria nun período no que a zona rexistra unha importante afluencia de visitantes.
Neste senso, as máquinas do Parque Móbil provincial veñen de rematar no concello de Barreiros os traballos de limpeza de cunetas na estrada LU-P-0609, ao seu paso pola parroquia de San Xusto de Cabarcos, nun treito que se estende desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 2,3, nas proximidades do Camiño de Santiago. Así mesmo, os operarios provinciais tamén actuaron na LU-P-6103, que conecta o municipio de Barreiros co de Trabada, nun tramo de aproximadamente 300 metros.
Estas intervencións permiten mellorar a drenaxe das estradas, favorecer a súa conservación e reforzar a seguridade das condicións de circulación nos distintos núcleos aos que dan servizo. Ademais, contribúen a prolongar a vida útil das infraestruturas e a evitar deterioros maiores, apostando por un modelo de conservación preventiva que optimiza os recursos públicos e mellora a seguridade da rede viaria provincial.
Tras estes traballos, as máquinas do Parque Móbil continuarán actuando en distintas pistas rurais do municipio, co fin de mellorar a súa funcionalidade e garantir unhas condicións axeitadas de circulación. As accións forman parte do compromiso do Goberno provincial coa cooperación cos concellos e da aposta que ten a Deputación por uns servizos públicos de calidade en todos os municipios da provincia.
Máis de 700.000€ investidos neste municipio
Estes traballos de conservación do Parque Móbil súmanse ás melloras na rede viaria provincial acometidas neste municipio cun investimento conxunto que ascende a máis de 700.000 euros. A actuación máis recente é a renovación da estrada LU-P-0610, que conecta os accesos ás praias da costa barreirense, cun investimento de 210.000 euros. Trátase dunha intervención relevante que contribúe a reforzar a proxección turística do municipio e do conxunto da Mariña, así como a mellorar os accesos aos seus principais areais, un dos seus principais atractivos. Os traballos incluíron a mellora do firme, da drenaxe e da sinalización horizontal e vertical, así como a ordenación de 80 prazas de aparcadoiro na contorna da praia de Altar, nunha vía clave polo seu elevado volume de tráfico durante a época estival.
Esta actuación complétase con outras intervencións previas na mesma estrada e coa mellora doutras vías provinciais como a LU-P-0611 e a LU-P-0602, reforzando a mobilidade e a conexión entre os principais núcleos e praias do municipio.