A Deputación colabora coas Festas das Quendas de Mondoñedo, unha das celebracións máis antigas de Galicia
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, asistiu este xoves aos actos oficias que marcan o inicio das Festas das Quendas de Mondoñedo, unha das celebracións máis antigas de Galicia que se remonta ao S.XVI e que se celebrarán dende este xoves 30 de abril ao 3 de maio. A Deputación colabora coa Asociación As San Lucas na organización destes festexos cunha achega de 5.000€.
Durante o acto inaugural, que tivo lugar como é habitual no Auditorio Municipal Pascual Veiga, Carlos López felicitou á organización polo traballo desenvolvido e enmarcou esta colaboración na aposta da institución provincial por apoiar o sector agrogandeiro como motor económico da provincia. Subliñou ademais a importancia de promover as razas autóctonas e os produtos de proximidade, contribuíndo á dinamización cultural, económica e turística do territorio.
O pregón das festas correu a cargo da mindoniense María Josefa Lombardero Díaz, doutora en Bioloxía e catedrática da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Lombardero é especialista en sanidade forestal e pragas de insectos, investigadora con ampla traxectoria internacional e autora de numerosos estudos científicos centrados na sustentabilidade forestal.