Deputación de Lugo

A Deputación prepara para o próximo luns unha xornada divulgativa sobre a eclipse solar

xornada

A poñente desta charla, gratuíta e aberta ao público xeral, será a doutora en astrofísica Lucía González Cuesta e celebrarase na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos ás 18:30 horas

O obxectivo desta iniciativa é achegar aos profesionais e entidades do sector, así como a todas as persoas interesadas: pautas, ferramentas e coñecementos básicos sobre este fenómeno astronómico único que acontecerá o 12 de agosto 

A Deputación de Lugo organiza para o vindeiro luns unha conferencia divulgativa gratuíta sobre a eclipse solar, o fenómeno astronómico que terá lugar o 12 de agosto e que tras máis de cen anos poderá verse desde a península ibérica. Concretamente, a provincia de Lugo será un dos lugares máis privilexiados do mundo para observala, pois poderá contemplarse en practicamente a totalidade dos concellos. 

A charla, que se celebrará o 4 de maio ás 18:30 horas na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, estará impartida pola doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta, acompañada do membro da Asociación Astronómica Asturiana OMEGA, Alfonso Coya Lozano. Esta iniciativa forma parte dunha programación máis ampla que se presentará o próximo luns, previamente ao relatorio, e está dirixida, por unha banda, a profesionais e entidades do sector e empresas do ámbito turístico, e, por outra, a todas as persoas interesadas neste acontecemento (maiores de 12 anos).

O obxectivo é achegar ao público asistente coñecementos, información e ferramentas que lles permitan gozar deste fenómeno de forma segura, abordando os aspectos básicos sobre os eclipses, os mellores lugares para a súa observación e os materiais homologados e normas de seguridade visual que se deben empregar. Nesta xornada, tamén se analizará o impacto cultural e histórico destes fenómenos, así como a traxectoria, fases e horarios do eclipse solar total que terá lugar o 12 de agosto.

Lucía González Cuesta


A sesión estará dirixida pola doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta, quen realizou a súa tese no Instituto Astrofísica de Canarias (IAC). Licenciada en Física pola Universidade de Oviedo e cun Máster en Astrofísica pola Universidade da Laguna, conta cunha ampla traxectoria no ámbito da divulgación científica, especialmente a través do seu proxecto Allande Stars, centrado na difusión da astronomía en contornos rurais. Na actualidade combina a súa actividade investigadora e divulgativa con colaboracións en medios de comunicación e distintas iniciativas de promoción da ciencia, sendo ademais recoñecida con diversos premios pola súa labor neste eido, como o Premio Mellor Star Up 2023, concedido polo Banco Sabadell e Prensa Ibérica; ou o galardón Muller Rural 2024, da Rede de Desenvolvemento Rural de Asturias (READER), entre outras distincións.