Deputación de Lugo

A Deputación destaca que a Asemblea Nacional de Recreación Histórica en Lugo reforza o Arde Lucus no seu 25 Aniversario

A Deputación de Lugo destaca que a celebración en Lugo da Asemblea Nacional de Recreación Histórica reforza o papel do Arde Lvcvs no seu 25 aniversario, consolidando a capital lucense como referente nacional neste tipo de eventos. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou no desfile polas rúas do casco histórico, no que máis de medio cento de colectivos de toda España recrearon diferentes épocas da historia dentro desta iniciativa.

García Porto destacou a importancia de que Lugo sexa sede desta cita, que reforza a proxección exterior do territorio, e sinalou que “é unha satisfacción ver a nosa cidade convertida no epicentro da recreación histórica en España, especialmente no 25 aniversario do Arde Lucus, un dos principais sinais de identidade da provincia e motor cultural, turístico e económico”.